A UE pide a Acerbaixán que permita unha misión da ONU en Artsakh

Estímase que até dous terzos da poboación fuxiron a Armenia.
Situación da República de Artsakh, situada na rexión do Cáucaso Sur (Mapa: Nós Diario).
photo_camera Situación da República de Artsakh, situada na rexión do Cáucaso Sur (Mapa: Nós Diario).

A Unión Europea (UE) pediu esta sexta feira ás autoridades de Acerbaixán que garantan os dereitos dos armenios en Artsakh, despois de que Bakú (capital de Acerbaixán) tomara o control do territorio a través dun ataque rápido o 19 de setembro.

Neste contexto, as autoridades de Artsakh, situada no sur do Cáucaso e maioritariamente poboada por persoas de etnia armenia (95% da poboación), anunciaron esta quinta feira a disolución da república para o 1 de xaneiro de 2024, tras máis de tres décadas de control do territorio. Ademais, o Servizo de Acción Exterior da UE tamén solicitou que Acerbaixán permita o acceso dunha misión das Nacións Unidas (ONU). 

"Estase producindo un éxodo masivo de armenios de Karabaj [nomenclatura de Artsakh que emprega Acerbaixán] como consecuencia da operación militar dos días 19 e 20 de setembro e do bloqueo do corredor de Lachín durante os meses anteriores, a xente foxe dos seus fogares e busca refuxio en Armenia", indicou o Servizo de Acción Exterior da UE.

Estímase que case 85.000 persoas, dous terzos da poboación de Artsakh, abandonaron o territorio tras a toma de control da zona por Acerbaixán, mentres que as autoridades de Armenia advirten do risco dunha "limpeza étnica" e piden apoio da comunidade internacional.

170 mortes pola explosión dun almacén de carburante

O balance de persoas falecidas a causa da explosión rexistrada a comezos desta semana nun depósito de combustíbel no territorio de Artsakh aumentou a 170. O Servizo de Rescate da República de Artsakh agregou nun comunicado que os restos dos corpos están sendo trasladados a Armenia para a súa identificación.

"Os equipos de rescate seguen desenvolvendo tarefas de busca na zona da desastre no almacén de combustíbel", sinalou o departamento de salvamento da República de Artsakh ao respecto da posibilidade de atopar máis persoas falecidas.

O suceso aconteceu horas despois de que unha delegación de Bakú chegara a un acordo con representantes da República de Artsakh para a entrega de axuda humanitaria unha vez que se produza a adhesión do territorio a Acerbaixán.

Comentarios