20 mortes por unha explosión en Artsakh no medio dunha fuxida masiva

Máis de 13.000 persoas abandonaron Stepanakert segundo Armenia.
Soldado coa bandeira de Artsakh.
photo_camera Soldado coa bandeira de Artsakh.

A estrada que une Stepanakert, a capital da autoproclamada República de Artsakh, con Kornidzor, en Armenia, estaba colapsada esta terza feira un día máis, con persoas que permaneceron na estrada para tratar de abandonar o territorio de maioría armenia, que foi invadido a semana pasada por Acerbaixán, nun conflito freado por un alto o fogo que implica a integración de Artsakh ao Estado azarí. Segundo Iereván, capital de Armenia, máis de 13.500 persoas chegaron ao país.

A Administración de Artsakh indicou que no mínimo 20 persoas faleceron e case 300 resultaron feridas pola explosión nunha gasolineira cando procuraban conseguir combustíbel para fuxir da zona á última hora da segunda feira, no medio dun temor xeneralizado a unha limpeza étnica por parte de Acerbaixán.

En Armenia, as protestas que comezaron co ataque continúan a reclamar a dimisión do primeiro ministro, Nikol Pashinian, ao que acusan de “traidor” por non saír na defensa de Artsakh. Centos de persoas foron detidas, incluídos líderes e representantes de forzas opositoras. Rodmila, artsakhí entrevistada por France24, afirmou que “a nosa nación foi vendida por un Goberno que non sabe o que está a facer”.

Ao tempo, Pashinian responsabiliza Rusia pola derrota de Artsakh, insistindo en que os 2.000 soldados de paz rusos, despregados após o alto o fogo que acabou coa guerra de 2020, deberían ter freado a invasión azarí.

A relación  con Moscova foise deteriorando desde a chegada de Pashinian ao poder, o que se intensificou nos últimos meses cos achegamentos armenios aos Estados Unidos. Á vez, o Kremlin destaca que Pashinian, baixo presións de Bruxelas, aceptou a soberanía azarí sobre Artsakh, asinando a fin da independencia do territorio.

Comentarios