A Xustiza da UE ve "vantaxes" fiscais nas medidas estatais para o naval

O Tribunal Xeral da Unión Europea (UE) desestimou os recursos presentados por empresas e entidades financeiras.
Guindastres nun estaleiro da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Guindastres nun estaleiro da cidade de Ferrol (Foto: Nós Diario).

O Tribunal Xeral da Unión Europea (UE) desestimou os recursos presentados por empresas e entidades financeiras e confirmou que a amortización anticipada incluída nas axudas fiscais do Estado español ao sector naval -que se declararon ilegais- constitúe unha "vantaxe" fiscal. En febreiro, o Tribunal Xeral da UE xa desestimou dous recursos presentados por Telefónica e o Banco Santander contra a decisión pola que a Comisión Europea declarou ilegais esas axudas fiscais concedidas polo Estado español.

Agora, o Tribunal Xeral pronúnciase sobre esta argumentación e nega que unha das medidas fiscais que compoñen o sistema -a amortización anticipada- poida constituír unha vantaxe.

Para o Tribunal, esa argumentación parte da premisa errónea segundo a cal esas medidas deben ser apreciadas de forma separada, sen ter en conta o sistema no seu conxunto. "En consecuencia, a argumentación segundo a cal a amortización anticipada non confire ningunha vantaxe económica debe desestimarse por ser manifestamente infundada", repetiu o Tribunal.

O Tribunal Xeral determinou que procede pronunciarse así mesmo sobre a parte do recurso mediante a que as empresas e persoas xurídicas demandantes alegan que a Comisión considerou erroneamente que determinadas medidas fiscais que compoñen o sistema, consideradas individualmente, constituían axudas de Estado novas, e que infrinxiu varias disposicións do Dereito da Unión ao prohibir na súa Decisión que a carga da recuperación fose transferida a outras persoas.

Neste sentido, o Tribunal Xeral sinalou que as alegacións presentadas parten da mesma premisa errónea segundo a cal esas medidas deben ser apreciadas de forma separada, sen ter en conta o sistema no seu conxunto. 

Desde 2006

O litixio comezou en 2006 cando o Executivo comunitario recibiu varias denuncias acerca da aplicación do Sistema Español de Arrendamento Fiscal (SEAF) a determinados contratos de arrendamento financeiro, xa que este réxime permitía que as empresas navieiras obtivesen uns descontos de entre un 20% e un 30% do prezo ao adquirir buques construídos por estaleiros españois, en detrimento de as vendas dos estaleiros doutros Estados membro.

Comentarios