ENTREVISTA

Diego Martínez: "Máis alá da proposta futbolística, o importante é a emoción compartida"

Hai 102 anos o fundador do Real Club Celta de Vigo, Manuel de Castro, 'Hándicap', tornaba no primeiro adestrador da selección galega de fútbol, cargo que posteriormente ocuparían técnicos do nivel de Arsenio Iglesias ou Fernando Vázquez e que agora é responsabilidade dun Diego Martínez que ofrece a 'Nós Diario' a súa primeira entrevista como seleccionador da Irmandiña.
O vigués de 43 anos dirixiu clubs do nivel de Granada, Espanyol ou Olympiacos. (Foto: RFGF).
photo_camera O vigués de 43 anos dirixiu clubs do nivel de Granada, Espanyol ou Olympiacos. (Foto: RFGF).

—A última conversa que mantivemos para as páxinas de Nós Diario foi o 14 de decembro de 2020, cando dirixía o Granada, e fechaba vostede a entrevista con esta frase textual: "Claro que me gustaría, como galego, que nalgún momento no futuro xurdise a posibilidade de volver á miña terra". Quizais nese momento ambos pensabamos nun equipo, pero resulta que foi a selección galega a que o trouxo de volta. Que sinte cando escoita o seu nome asociado a ese cargo? 
Honor e privilexio. Que verdade é esa de que o destino do fútbol é imprevisíbel (ri). Está moi ben sacada a pregunta, porque realmente non lembraba esa resposta e, efectivamente, demostra que no fútbol, como na vida, nunca sabes onde estarás e que o importante é estar preparado e a afrontar cada reto coa máxima ilusión. 

Despois de tantos anos fóra da casa [Diego Martínez fixo as maletas rumbo a Andalucía con 18 anos], ter a oportunidade de volver para unha experiencia tan especial e tan bonita, xa que hai oito anos que non nos xuntamos, é algo moi especial. Ademais, chegar a vivir estes momentos bonitos  é un síntoma de saúde, de talento e de resiliencia, pois son os desagradábeis os que priman no fútbol.  

—Cando a Federación Galega de Fútbol tocou á súa porta para achegarlle a proposta de dirixir o combinado galego, que lle pasou pola cabeza?
Cando me propuxeron participar desta festa do fútbol galego foi toda unha sorpresa, pero sentinme moi honrado. E, pese a que me considero unha persoa reflexiva e analítica, adoito facerlle moito caso aos primeiros impactos, e ese impulso interior que sentín foi de ilusión, de algo que podía afrontar, porque é para un partido, e enseguida chegamos a un acordo e puxémonos mans a obra para sacar o encontro adiante.

—Ese regreso a casa será, ademais, no Balaídos dese Vigo no que medrou e onde poderá dirixir un Iago Aspas que, a pesar da súa veteranía, aínda non tivo a oportunidade de defender as cores da Irmandiña no coliseo celeste. Pensou que chegaría a dirixir algunha vez o de Moaña?
Dirixir a Iago [Aspas], e en Balaídos, será moi especial, porque é un dos mellores xogadores da historia do fútbol galego, iso é unha realidade, e máis tendo en conta que está nunha fase da súa carreira na que loxicamente xa lle quedan menos anos para gozármonos del, aínda que ogallá teña moito tempo de fútbol por diante.

Non obstante, na selección non estará só Iago. Poder xuntar talento galego de diferentes clubs é un privilexio, e creo que iso ao propio Aspas faille moita ilusión, porque falei con el e é o primeiro que quere que este partido se poida facer nas mellores condicións, brindándose a axudar a que viñesen compañeiros e ao que fixese falta polo partido, o cal é de agradecer, igual que hai que ser agradecidos cos futbolistas que lles gustaría vir ao encontro pero non poderán porque terán outras competicións que aínda non remataron cos seus clubs, como podería ser o caso de Joselu ou Lucas Vázquez se clasifican para a final da Champions League. Así que veremos que podemos facer coa convocatoria, pero quero destacar e agradecer a vontade de todos de poder estar connosco.

—Esa, efectivamente, é pregunta do millón, a convocatoria. A pouco máis de tres semanas do choque con Panamá, cando fará públicos os nomes que integrarán a súa listaxe? 
Nunha data moi próxima ao partido do 31 de maio. Unha vez que finalice a derradeira xornada da Primeira División [onde o único representante da Galiza, o Celta, baixara o pano fronte o Valencia en Balaídos o 26 de maio] será o momento de facer pública a convocatoria. Aínda que, evidentemente, antes haberá unha prelista con máis nomes que na definitiva para intentar dar cobertura a posíbeis circunstancias e inconvenientes de última hora que poida xurdir.

Trátase de algo que fan todas as seleccións nacionais, incluso en categorías inferiores; tocará agardar até o último momento, porque ao mellor nun escenario ideal podemos ter certos nomes na cabeza, pero no real, no operativo, poden variar un pouquiño. En calquera caso, estamos convencidos de que xuntaremos unha boa selección.

A convocatoria definitiva sairá Logo do remate da última xornada na Primeira División

—Unha boa selección e, quizais... a mellor de todos os tempos? Un deses vellos tópicos do fútbol é que un país ten tantos seleccionadores como persoas que as habitan, no caso da Galiza, 2.705.877. Por suposto, cada unha terá o seu equipo, pero a maioría adoita coincidir en que esta é a mellor xeración de futbolistas galegos de todos os tempos. Está de acordo?
Eu quedo con todos (ri). Facer comparacións atemporais é inxusto. Sempre desde o máximo respecto a Luís Suárez, a Arsenio Iglesias, Fran, Míchel Salgado... e xa cometo un primeiro erro, porque cando nomeas a uns sempre deixas fóra a outros, así que ninguén se me enfade, non creo que sexa xusto comparalos, pero si podemos estar todos de acordo en que este é un momento onde hai un gran talento galego, repartido tamén no exterior, que ten que ver co camiño que pavimentaron os xogadores que destaquei ao principio.

Mira senón o feito de que un galego como Borja Iglesias poida xogar unha final de Europa League, Joselu e Lucas Vázquez a da Champions, outros a Eurocopa... é un síntoma de moi boa saúde.  

—Outra deses debates que están a pé de rúa é até onde chegaría a selección galega no caso de poder competir nunha Eurocopa ou nunha Copa do Mundo. 
Creo que deberíamos centrarnos neste partido, que vai ser magnífico, toda unha festa do fútbol cun equipo competitivo e talentoso, o mellor posíbel que poidamos conformar.

—Fala dun equipo talentoso e competitivo ao que, por suposto, non se lle pode esixir, tendo en conta que leva oito anos sen xogar e que terá unha preparación 'express' nunhas datas que incluso poderían facer perigar a presenza de varios dos seus potenciais integrantes, que execute os automatismos dos que adoitan facer gala os seus equipos. Con todo, que pode anticipar sobre a proposta futbolística que artellará Diego Martínez á fronte da selección galega? 
A proposta futbolística non é de Diego Martínez, é dos xogadores que poidamos xuntar no mesmo equipo, e dependerá fundamentalmente das súas características. Evidentemente, intentaremos ter unha boa organización ofensiva e defensiva, pero, como en todos os equipos do mundo, dependerá das características dos xogadores.

O futbolista galego é ben dotado tecnicamente, con bo pé, e intentará xogar o seu mellor fútbol, xerando ocasións e dando espectáculo. Pola miña parte e a do meu equipo, trataremos de achegar o noso gran de area, tratando de pór o talento individual ao servizo do conxunto, estabelecendo así as sinerxías que nos leven a intentar gañar. Soa un pouco simple, pero é que iso é o fútbol en si mesmo. Nese sentido, seremos fieis a este presuposto, e o 31 de maio oxalá os xogadores teñan o mellor día posíbel e fagamos un gran partido, individual e colectivamente.

O galego é un futbolista dotado tecnicamente, con bo pé e que dá espectáculo

—Unha das grandes tarefas dun seleccionador é o labor de 'scouting'. Que pode revelar ás persoas lectoras de 'Nós Diario' dunha gran descoñecida por estes lares como é Panamá?
A selección panameña é un conxunto que ten Thomas Christiansen como adestrador, e conta cun selo bastante claro, moi recoñecíbel, que a levou a ser subcampioa da Concacaf Nations League centroamericana. Xogará con Catalunya un par de días antes que contra nós, pero é un equipo competitivo, con futbolistas moi interesantes que, quizais, non sexan moi coñecidos para o gran público, pero cun bo nivel. Ogallá poidamos gañar e ofrecer un bo espectáculo. 

—Como responderá a afección a esta volta da Irmandiña?
Agardo que moi ben, eu percibo moita ilusión, porque máis alá da proposta futbolística, o importante é a emoción compartida.

Comentarios