Esténdese a tregua en Gaza no mínimo un día máis

A prórroga anunciouse apenas uns minutos antes de que expirase o cese o fogo.

Edificios reducidos a cascallos en Jabalia, Gaza. (Foto: Fadi Wael Alwhidi / DPA)
photo_camera Edificios reducidos a cascallos en Jabalia, Gaza. (Foto: Fadi Wael Alwhidi / DPA)

 O Executivo israelí e a forza de Goberno en Gaza, a organización palestina Hamás, acordaron esta quinta feira prorrogar a tregua, no mínimo un día máis.

A prórroga anunciouse a apenas uns minutos de que expirase un cesamento do fogo que comezou a pasada sexta feira e que inclúe a liberación de reféns en mans das milicias palestinas a cambio da posta en liberdade de mulleres e nenos palestinos prisioneiros en Israel, así como a entrada en Gaza de axuda humanitaria.

O exército israelí afirmou que “a tregua continuará”, aínda que non especifica a duración da extensión. Hamás si o fixo e afirma que é un día. Esta pasada noite, Hamás entregou a Israel 6 reféns —dous israelís e catro tailandeses—, que se unía ás dúas mulleres rusas liberadas durante a tarde. Pola súa parte, Israel puxo en liberdade outros 30 presos palestinos.

Un alto funcionario israelí sinalou ao xornal The Wall Street Journal que “a tregua actual pode estenderse máis alá desta semana”, após prometer o Executivo israelí encabezado por Benjamin Netanyahu que non aceptarían que o alto o fogo durase máis de 10 días. Tamén indicou que Israel está aberto a negociar sobre homes civís e soldados unha vez liberadas todas as mulleres e menores de idade.

Aínda que Netanyahu se volveu comprometer esta cuarta feira a reactivar a agresión contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran unha limpeza étnica e un xenocidio, até o seu principal aliado, os Estados Unidos, pediu que se estenda a tregua após non demandar en ningún momento un alto o fogo, iso si, despois dunha “presión pública xeneralizada”, describe a canle Al Jazeera, contra o presidente Joe Biden coa fin de que premese Israel para que aceptase un alto o fogo, e que incluíu ameazas de grupos de presión árabes e musulmáns de que non financiarían a súa campaña electoral en 2024, ano no que aspira á reelección, e masivas manifestacións no país e en todo o mundo para exixir acabar cos masacres cometidos por Israel.

Comentarios