Israel matou máis de 27.000 palestinas e palestinos nunha Gaza que "morre de fame"

No sur de Gaza as crianzas teñen acceso a apenas 2% ou menos do consumo diario de auga recomendado.
Palestino detido por Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Palestino detido por Israel. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O Ministerio de Saúde do territorio palestino de Gaza elevou hoxe a 27.019 o número de palestinas e palestinos asasinados polos bombardeos e polo intento de invasión israelí desde o 7 de outubro. Arredor da metade das vítimas eran crianzas. Amais, 66.139 persoas 
resultaron feridas.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que, ademais, 8.000 persoas están consideradas desaparecidas, seguramente falecidas baixo os cascallos, no contexto dunha crise humanitaria provocada polo asedio israelí contra a Faixa, obstaculizando a entrada de axuda. “É unha poboación que morre de fame”, afirmou Michael Ryan, director do programa de emerxencias sanitarias do organismo.

Á vez, a entidade confirmou que no sur de Gaza, onde se acumulan máis da metade das 2,3 millóns de persoas que viven no territorio, as crianzas teñen acceso a apenas 2% ou menos do consumo diario de auga recomendado.

Varios palestinos liberados após ser arrestados polos soldados sionistas denunciaron á canle Al Jazeera que sufriron malleiras, torturas e humillacións durante a súa detención, e recalcaron que os deixaron varias xornadas sen comida ou auga. 24 horas antes fíxose público o achado de máis de 30 corpos con signos de tratarse dunha execución nos terreos dunha escola no norte de Gaza. Os cadáveres estaban en bolsas de plástico con letras hebreas.

Pola súa parte, a organización que goberna Gaza, Hamás, comunicou que está a estudar unha proposta de alto o fogo remitida tras unha xuntanza a pasada fin de semana entre representantes israelís, estadounidenses, exipcios e qatarís.

Un funcionario palestino próximo ás conversas explicou á axencia Reuters que o documento prevé unha primeira fase cun cesamento de hostilidades de 40 días, en paralelo á liberación por parte de Hamás dos civís israelís detidos en Gaza. Nese sentido, recalcou que “para que se asine o acordo debe garantirse que Israel se comprometerá a pór fin á guerra en Gaza e a retirarse completamente do enclave”.

Mar Vermello

Sobre o canal de Suez, conectado co mar Vermello, lugar no que o iemení movemento hutí está a insistir cos ataques contra buques relacionados con Israel entre bombardeos dos Estados Unidos ás súas posicións, o Fondo Monetario Internacional divulgou que nas dúas primeiras semanas do ano o tráfico reduciuse 37% en comparación co exercicio anterior.

Comentarios