A ONU confirma o cerco de Israel aos dous últimos hospitais activos en Gaza: "É unha crise humanitaria extrema"

Un informe do Banco Mundial ratificou que 45% dos edificios residenciais de Gaza son inhabitábeis e non se poden reparar tras sufrir os bombardeos israelís.
Ataque israelí a Khan Younis. (Foto: Yasser Qudih via Europa Press)
photo_camera Ataque israelí a Khan Younis. (Foto: Yasser Qudih via Europa Press)

O director da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, Thomas White, denunciou esta quinta feira que os dous últimos hospitais activos en Khan Younis (no centro da Faixa de Gaza), o Nasser e o al Amal, foron rodeados polas tropas israelís, “deixando atrapados dentro e aterrorizados traballadores, pacientes e desprazados”.

Por cuarto día consecutivo o hospital al Amal sufriu ataques dos militares sionistas, no contexto dunha “crise humanitaria extrema” na cidade, informou a canle Al Jazeera. Os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) elevan a 660 o número de ataques contra centros de saúde desde o 7 de outubro. Ademais, en Khan Younis os ataques israelís están a destruír barrios enteiros, logo de transcender a súa intención de crear unha “zona de amortecemento” dentro de Gaza para dificultar a resposta armada da resistencia palestinos.

Un estudo da Universidade Hebrea desvelou que Israel arrasou con 40% do total de edificios de Gaza situados a menos dun quilómetro do que Israel considera a súa fronteira coa Faixa. Nesa liña, un informe do Banco Mundial ratificou que 45% dos edificios residenciais de Gaza son inhabitábeis e non se poden reparar tras sufrir os bombardeos israelís.

En Rafah, no sur da Faixa, onde se desprazou máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza para fuxir dos bombardeos e do intento de invasión israelí do territorio palestino, a Oficina de Dereitos Humano da ONU corroborou que “as forzas israelís continúan bombardeando áreas que unilateralmente designaron como ‘seguras’.

No que atinxe ao incendio a cuarta feira dun centro en Khan Younis da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos após ser bombardeado por Israel, o organismo ratificou que 13 persoas perderon a vida. Despois das críticas estadounidenses ao Goberno de extrema dereita israelí polo ataque Israel negou a súa autoría, como fixera noutras ocasións, como no bombardeo ao hospital al Ahli de Gaza, no que asasinou case 500 persoas.

Inquedanza en Israel

Medio internacionais transmitiron a inquedanza do Executivo sionista pola decisión desta sexta feira da Corte Internacional de Xustiza, que determinará se impón medidas provisorias a Israel tras ser denunciado por Suráfrica, que o acusa de xenocidio contra o pobo palestino. Persoas expertas de ONU cualificaron a agresión militar a Gaza como un xenocidio e unha limpeza étnica.

Comentarios