A retirada de financiamento pon en risco a axuda da ONU en Palestina

Os EUA valoran lanzar unha operación contra Irán.
Persoas desprazadas en Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Persoas desprazadas en Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

A Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos “non poderá continuar cos seus servizos e operacións en toda a rexión, incluída Gaza, máis alá de finais do mes que vén”, confirmou hoxe o organismo, despois de que os Estados Unidos, Alemaña, o Reino Unido, o Xapón, o Canadá, Suecia, Suíza ou Australia suspenderan o financiamento da entidade.

Antes, o Goberno de extrema dereita israelí denunciou que 12 traballadores da Axencia participaron presuntamente na operación da resistencia palestina do 7 de outubro, o que levou o seu comisionado xeral, Philippe Lazzarini, a rescindir os contratos destas persoas e iniciar unha investigación, en paralelo ao veredicto da Corte Internacional de Xustiza no que ordenou Israel que impida un xenocidio en Palestina.

O ex voceiro da Axencia, Chris Gunness, afirmou que está en marcha un “ataque político coordinado” contra a institución da ONU, salientando que “os israelís dixeron que non poden gañar a guerra en Gaza a menos que se disolva”. O Estado sionista matou máis de 150 membros da Axencia no contexto da súa agresión militar a Gaza, na que asasinou case 27.000 persoas desde outubro. Amais, lanzou un novo bombardeo contra unha escola do órgano na Faixa.

No que atinxe á morte de tres militares estadounidenses no ataque con drones a unha base militar de Washington en Xordania, cuxa autoría reclamou Resistencia Islámica, un grupo integrado no Eixo da Resistencia, polos masacres en Palestina, a axencia Bloomberg sostivo que entre as opcións que valoran os Estados Unidos para responder está a dunha operación encuberta contra Irán sen facer pública a súa participación. Á vez, Irán nega calquera relación co ataque con drones.

Hoxe pola mañá Médicos Sen Fronteiras organizou un encontro informativo en Compostela con Ruth Conde, enfermeira galega que estivo catro semanas e media no sur de Gaza. Conde explicou a Nós Diario que “nas primeiras semanas non detectamos ningún caso de desnutrición, pero nas últimas semanas xa empezamos a detectalos, e iso é un indicativo de que o que está a entrar non é suficiente para cubrir as necesidades”.

Desde os entre 400 e 500 camións diarios de axuda humanitaria que entraban na Faixa antes da agresión militar pasouse a un promedio de 200 ao día, detalla Conde, que incide en que supón unha “ínfima parte das necesidades”. Tamén salientou as limitacións no tocante ao acceso á saúde.

Comentarios