VÍDEO

A violencia israelí non cesa (tampouco) en Cisxordania: o Exército infíltrase nun hospital de Xenín e executa tres palestinos

Varios axentes israelíes infíltranse disfrazados no hospital Ibn Sina e asasinan a tiros tres milicianos palestinos. As autoridades de Palestina chaman a acabar "urxentemente" cos "crimes diarios cometidos por Israel" tanto en Cisxordania como en Gaza-.
Os axentes israelíes infiltrados no hospital de Xenín. (Fonte: Ministerio de Saúde de Palestina)
photo_camera Os axentes israelíes infiltrados no hospital de Xenín. (Fonte: Ministerio de Saúde de Palestina)

As inéditas cifras da barbarie en Gaza voltan todos os focos cara a esta rexión palestina na que, só desde o pasado 7 de outubro, foron asasinadas 26.751 persoas e outras 65.636 resultaron feridas de diversa consideración, segundo as últimas cifras achegadas esta terza feira polas autoridades locais. Porén, o que o Goberno de Israel denomina "guerra contra Hamás" esténdese alén da Faixa e bate con especial forza en Cisxordania, gobernada pola Autoridade Palestina de Mahmoud Abbas.

Alí case 400 cidadáns e cidadás palestinas morreron por fogo israelí, tanto en ataques perpetrados por colonos como polas Forzas Armadas, 54 delas no que vai de mes de xaneiro. O último ataque, anunciado polo propio Exército hebreo, a execución de tres persoas nun hospital da cidade cisxordana de Xenín, o Ibn Sina, baixo o pretexto de seren, supostamente, parte dunha "célula que estaba a planificar ataques terroristas e que se agochara dentro do hospital".

As vítimas son tres mozos, Mohammad Jalamneh e mais os irmáns Basil e Mohammad al-Ghazawi, segundo o xornal Quds News. O Ministerio de Saúde de Palestina difundiu un vídeo gravado por unha das cámaras de seguridade do hospital no que se poden observar o que serían varios axentes israelíes avanzando polos corredores armados e camuflados como médicos, enfermeiros e civís, co obxectivo de infiltrarse para localizar e matar estas tres persoas.

"Desde hai tempo, un gran número de persoas buscadas escondéronse en hospitais e úsanos como base para planificar actividades terroristas e levar a cabo ataques, xa que cren que os hospitais servirán de protección contra as actividades das forzas de seguridade", argumentaron as Forzas Armadas de Israel.

Pola súa parte, a ministra de Saúde palestina, Mai al Kaila, fixo un chamamento á ONU e as diferentes organizacións que defenden os dereitos humanos a acabar "urxentemente" cos "crimes diarios cometidos por Israel" tanto en Cisxordania como en Gaza. "A ocupación cometeu un novo masacre dentro dun hospital", censurou.

Segundo apuntaron as Brigadas Ezzeldin al Qassam, o brazo armado de Hamás, os tres falecidos eran 'muyahidins' e un deles foi tiroteado "na súa propia cama". "Foi un asasinato covarde", dixeron. Tamén o Centro Palestino de Información alertou de que se trata dun "crime de guerra".

Comentarios