Qatar confirma "negociacións serias" para un alto o fogo en Gaza

Israel rexeita acabar coa agresión militar.
Danos polos ataques a Gaza. (Foto: Abdul Rahman Salama / Europa Press / Contacto)
photo_camera Danos polos ataques a Gaza. (Foto: Abdul Rahman Salama / Europa Press / Contacto)

“Non podo dar detalles agora, pero estamos involucrados en negociacións serias entre as dúas partes, e iso fainos optimistas”, subliñou hoxe Majed al Ansari, voceiro do Ministerio de Exteriores de Qatar, o principal mediador entre o Executivo de extrema dereita israelí e a organización que goberna o territorio palestino da Faixa de Gaza, Hamás.

Porén, transmitiu que “hai varios obstáculos que afectan ás negociacións”, como o rexeitamento do primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, á creación dun Estado palestino sen ocupación israelí e os chamamentos reiterados ao “desprazamento dos habitantes de Gaza” fóra de Palestina, o que constituiría unha limpeza étnica.

Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) sostiveron precisamente que Israel está a perpetrar unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino en Gaza.

Nestes momentos a principal diverxencia nas conversas é a fin da agresión militar israelí, algo que Hamás exixe para iniciar as negociacións sobre o intercambio das e dos máis de 100 israelís detidos en Gaza polos milleiros de palestinas e palestinos presos en cárceres israelís.

Pola contra, a última oferta israelí recolle o intercambio de persoas capturadas e a retirada dos seus militares de distintos puntos de Gaza, mais cun alto o fogo que tería unha duración de dous meses.

No plano militar, Israel comunicou que 21 soldados perderon a vida a segunda feira en Gaza nun ataque da resistencia palestina a un tanque e dous edificios nos que os militares estaban a colocar minas para demolelo. Arredor de 550 tropas sionistas morreron desde o 7 de outubro.

O Exército sinalou que estaban a destruír edificios para asegurar unha zona de seguridade dentro de Gaza na área próxima ao perímetro controlado por Israel, unha política susceptíbel de violar o dereito internacional. “A Administración estadounidense e a ocupación deben entender ben a mensaxe das operacións cualitativas de onte”, afirmou Hamás.

Ataques a un hospital

24 horas despois de asaltar un hospital en Khan Younis, no centro da Faixa, os soldados israelís cercaron o hospital Nasser, que sufriu continuos ataques. “As ambulancias non poden saír do hospital para chegar ou evacuar os feridos”, alertou a canle Al Jazeera.

25.490 palestinas e palestinos foron asasinados por Israel nos bombardeos que empezaron hai tres meses e medio e o intento de invasión posterior.

Comentarios