A ONU alerta: a metade da poboación da Faixa de Gaza está xa a morrer de fame

No medio dunha situación catastrófica na que as entregas de axuda humanitaria son case imposíbeis, a Asemblea Xeral da ONU abordará o veto estadounidense no Consello de Seguridade a un alto o fogo que aceptan até a maioría dos seus aliados.
Un palestino trata de atopar as súas pertenzas o domingo nun edificio destruído polos bombardeos israelís no centro de Gaza. (Foto: Majdi Fathi / Europa Press)
photo_camera Un palestino trata de atopar as súas pertenzas o domingo nun edificio destruído polos bombardeos israelís no centro de Gaza. (Foto: Majdi Fathi / Europa Press)

A situación para a poboación civil de Gaza é límite, coa metade dos 2,3 millóns de habitantes da Faixa morrendo de fame, denunciou Carl Skau, subdirector do Programa Mundial de Alimentos da Organización das Nacións Unidas (ONU), que recalcou que 9 de cada 10 persoas non poden comer todos os días logo de que a entrega de axuda humanitaria sexa “case imposíbel” no marco da agresión militar israelí, recolleu na madrugada de hoxe a canle BBC.

A directora de comunicación da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, Juliette Touma, advertiu que “Gaza se está a volver inviábel” pola “catástrofe humanitaria”, e o director da Axencia, Philippe Lazzarini, corroborou a tentativa israelí de cometer unha limpeza étnica cos “intentos de trasladar os palestinos a Exipto”. En paralelo, o Ministerio de Sanidade de Gaza elevou hoxe a 18.205 palestinas e palestinos, arredor de 40% crianzas, a cifra de persoas asasinadas desde o 7 de outubro nos bombardeos indiscriminados e no intento de invasión sionista de Gaza, que deixou 50.000 persoas feridas.

Xa en Cisxordania, rexión palestina na que foron asasinadas 275 persoas -incluídas 63 crianzas- desde o 7 de outubro, viviuse unha folga xeral que tamén se estendeu a Xordania e ao Líbano para exixir un alto o fogo humanitario inmediato. En paralelo, a libanesa Hezbolá e o Exército israelí continúan a intensificar a súa escalada co intercambio de ataques na área fronteiriza.

Entrementres, os Estados Unidos, amais de brindar cobertura diplomática á continuación dos masacres que está cometendo Israel, tamén proseguen coa subministración continua de armamento ao réxime do apartheid sionista. No marco da negativa do Partido Republicano a aprobar no Senado un novo paquete lexislativo que comprende máis de 13.000 millóns de euros para Israel, o Goberno que lidera Joe Biden autorizou por medio dun mecanismo de emerxencia a venda de 14.000 proxectís de tanque ao Exército israelí sen pasar polo Congreso, como é preceptivo.

Antony Blinken, secretario de Estado estadounidense, reiterou que Israel determinará cando considere cal é o mellor momento para acabar coas operacións militares, incidindo en que as tropas sionistas buscan reducir as mortes de civís en Gaza “mais os resultados non sempre se manifestan”.

Así e todo, as bases militares estadounidenses no Iraq e Siria -incluída a súa embaixada en Bagdad- foron obxecto de arredor de 90 ataques de forzas agrupadas no Eixo da Resistencia -cos hutís no Iemen ameazando con atacar calquera barco en dirección ao réxime sionista-, e a súa alianza con Israel, entre denuncias de crimes de guerra masivos e crimes contra a humanidade, levouno a perder o apoio de toda unha xeración nos países árabes, advertiron representantes diplomáticos de Washington en Omán.

A súa posición e a da Unión Europea tamén ficou afectada no Sur Global, onde se multiplican as acusacións de hipocrisía e dobre vara de medir en comparación coa súa posición noutros conflitos como a guerra de Ucraína, como amosa a decisión do Festival de Eurovisión de aceptar a participación israelí logo de vetar a rusa o pasado ano. Todo isto entre manifestacións multitudinarias por todo o mundo -incluídos os Estados Unidos e os seus países aliados- para exixir un alto o fogo.

Israel ten tres semanas

Neste contexto, e máis aló das declaracións públicas dos funcionarios estadounidenses, o semanario The Economist cita fontes gobernamentais que afirman que o propio Blinken transmitiu ao Goberno de extrema dereita de Benjamin Netanyahu que a agresión militar debe rematar antes do final do ano. Á vez, informa de que as probabilidades de que as accións militares teñan éxito son baixas. Israel reitera que os seus obxectivos son eliminar Hamás, a organización palestina que goberna Gaza, e acabar coa detención das persoas -a maioría israelís- capturadas na operación da resistencia palestina do 7 de outubro, ademais de evitar que os combatentes palestinos operen en Gaza.

Non obstante, o Exército israelí recoñeceu que estiman que acabaron con menos de 15% da forza de combate de Hamás e que as operacións non están a avanzar como pensaban, e funcionarios de seguridade sionistas subliñaron ao xornal Haaretz que a agresión militar podería evitar un novo acordo de intercambio entre Israel e Gaza como o que permitiu a liberación de 105 persoas -81 israelís- en poder dos combatentes palestinos e 240 palestinas e palestinos, a maioría menores de idade e mulleres, en poder de Israel. Pola súa parte, Hamás comunicou que ningunha persoa será liberada sen negociacións.

Dentro de Israel, o aumento do apoio a un intercambio de todas as persoas capturadas que se atopan en Gaza por todas as presas palestinas en Israel reflectiuse na primeira mobilización a favor dun alto o fogo e en contra da agresión militar, que segundo Jon Alterman, do Centro de Estudos Estratéxicos e Internacionais, xera unha “posibilidade real” de que estoupe unha guerra rexional en Asia Occidental.

O Sur Global trata de illar Washington na ONU

Despois de que unha parte significativa dos Estados do Sur Global, Amnistía Internacional, Médicos Sen Fronteiras ou a Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos criticaran o veto dos Estados Unidos a pasada sexta feira a unha resolución no Consello de Seguridade da ONU que instaba a un alto o fogo na agresión israelí á Faixa de Gaza, Exipto e Mauritania, que encabezan respectivamente o Grupo Árabe e o Grupo da Organización da Conferencia Islámica no organismo, impulsaron rapidamente a convocatoria dunha reunión mañá da Asemblea Xeral da ONU para abordar o veto.

A xuntanza, na que se agarda unha votación ao respecto, porá de manifesto o illamento dos Estados Unidos na defensa das accións israelís, que para persoas expertas da ONU constitúen unha limpeza étnica e un xenocidio perpetrado contra o pobo palestino, logo de que varios dos seus aliados -como Francia e o Xapón- apoiaran a moción no Consello de Seguridade, na que o Reino Unido, que tamén ten dereito de veto, se abstivo.

O pasado 27 de outubro a Asemblea Xeral xa se reunira de forma extraordinaria após outro veto estadounidense no Consello a unha resolución sobre Palestina, e aprobou demandar “unha tregua humanitaria, inmediata, duradeira e sostida que leve ao cesamento de hostilidades” en Gaza.

Comentarios