Tropas israelís asaltan un hospital no norte de Gaza e asasinan persoal médico

Na Faixa funcionan menos dun terzo dos hospitais.
Palestinos inspeccionan os danos provocados por un bombardeo israelí onte contra o campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)
photo_camera Palestinos inspeccionan os danos provocados por un bombardeo israelí onte contra o campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)

Como xa fixeran noutros centros médicos como o hospital al Shifa, soldados israelís asaltaron hoxe o hospital Kamal Adwan no norte de Gaza despois de asedialo e bombardealo os últimos días. No ataque, asasinaron a tiros varios membros dos equipos médicos dentro do hospital, confirmaron fontes sobre o terreo citadas pola canle Al Jazeera, e ordenaron a todas as persoas maiores de 15 anos que se entreguen para espilas e interrogalas.

Condicións comparábeis a hai máis dun século

Leo Cans, que encabeza a misión de Médicos Sen Fronteiras en Palestina, trasladou que as e os profesionais da saúde en Gaza están a traballar en condicións comparábeis ás da Primeira Guerra Mundial, que rematou hai máis dun século, e cualificou a situación no Kamal Adwan como catastrófica. “Isto é totalmente inhumano” e “totalmente inaceptábel”, resolveu.

24 horas antes, a Organización das Nacións Unidas (ONU) denunciara os bombardeos contra a maternidade do centro, que mataron dúas nais. Tras os asaltos a outros centros médicos da Faixa foron atopados os corpos en descomposición de cinco bebés que acabaran de nacer abandonados polos soldados sionistas após expulsar á forza o persoal médico.

A Organización Mundial da Saúde advertiu que menos dun terzo dos hospitais de Gaza seguen a funcionar parcialmente no marco dos bombardeos indiscriminados de Israel e do seu intento de invasión do territorio palestino, no que asasinaron máis de 18.000 persoas desde o 7 de outubro.

En paralelo, a Asemblea Xeral da ONU prevé debater hoxe o veto estadounidense no Consello de Seguridade a unha resolución que reclamaba un alto o fogo inmediato na agresión israelí.

Comentarios