O pobo palestino en Gaza denuncia que xa está "a morrer de fame"

Máis de 17.000 persoas palestinas asasinadas.
Edificio destruído en Gaza. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio destruído en Gaza. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)

“Chegamos aquí e atopamos fame, todo o mundo está a morrer de fame”, explicou á canle Al Jazeera Shaban Halawa, un dos centos de palestinas e palestinos desprazados pola forza que estiveron hoxe en Deir el Balah, no centro de Gaza, nunha fileira para intentar recibir axuda nun centro de distribución da Organización das Nacións Unidas (ONU) no medio dos bombardeos indiscriminados de Israel contra a poboación civil.

As súas crianzas “choran de fame”, detallou, narrando que leva case unha semana tratando de conseguir algunha ración de fariña.

Pola súa parte, Fouad Abu Ekhtaib apuntou que “as nosas crianzas sofren pola falta de comida, pola falta de pan, dixéronos que aquí había mais non alcanza [para todas as persoas]”, logo de agardar desde as seis da mañá.

Dúas horas antes xa estaba esperando a súa quenda Um Haitham. A pesar diso non había “nin unha soa bolsa de fariña”. “Por que humillan a xente?”, inquiriu, denunciando que “estamos a morrer e os nosos fillos están a morrer de fame”.

O secretario xeral adxunto para Asuntos Humanitarios da ONU, Martin Griffiths, recoñeceu que o termo “operación humanitaria” non pode usarse na Faixa, acusando os ataques e a invasión israelí de impedir unha resposta axeitada. “No mellor dos casos” é “oportunismo humanitario”, afirmou, nunha actuación que se reduce “a algúns camiños que aínda son accesíbeis” mais que “non é sostíbel”. “Isto ten que rematar de inmediato”, concluíu.

Sobre o terreo, aos bombardeos contra civís e á invasión terrestre de Gaza súmanse os intentos israelís de deshumanizar a poboación palestina. Os medios sionistas difundiron imaxes de homes palestinos que foron espidos e detidos polas forzas israelís nunha escola do norte de Gaza utilizada como refuxio. “Non amosaron o asasinato en masa de nenos palestinos e civís inocentes”, criticou o enviado palestino no Reino Unido, Husam Zomlot, que engadiu que en cambio “non teñen reparos en amosar estas imaxes salvaxes”.

17.177 palestinas e palestinos foron asasinados nos ataques israelís desde o 7 de outubro, nunha agresión militar que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

Os Emiratos Árabes Unidos presentaron no Consello de Seguridade da ONU unha resolución que exixe un alto o fogo inmediato despois de que o secretario xeral António Guterres forzara a convocatoria dunha nova reunión, á que responderon os Estados Unidos deixando entrever que vetarán calquera proposta neste sentido.

Comentarios