Os Estados Unidos azúan as tensións entre Beijing e Taipei

As chaves principais do conflito aberto no mar da China
Exercicios militares das Forzas Armadas taiwanesas a semana pasada en Pingtung. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi / ZUMA Press W / DPA)
photo_camera Exercicios militares das Forzas Armadas taiwanesas a semana pasada en Pingtung. (Foto: Daniel Ceng Shou-Yi / ZUMA Press W / DPA)

Nas últimas semanas, a sucesión de exercicios militares, visitas de políticos estranxeiros á illa e unha alianza para expandir cara aos Estados Unidos a industria de semicondutores taiwanesa, está a xerar un alto grao de tensión no estreito de Taiwán que repunta periodicamente, desde Nós Diario ofrecémosche as chaves principais dos acontecementos.

Recoñecemento internacional

En 1949, o Partido Comunista gañou a guerra civil chinesa e fundou a República Popular China, acabando as forzas do conservador Kuomintang de Chiang Kai-shek fuxindo cara á illa de Taiwán, onde mantiveron o nome de República de China.

Pouco despois, os Estados Unidos enviaron a súa Armada ao estreito, o que permitiu que Chiang mantivera o poder, e sostiveron a representación internacional de Taiwán, que ocupou o asento chinés na Organización das Nacións Unidas (ONU) e no Consello de Seguridade até 1971.

Naqueles anos, a política de Taipei obrigaba a non recoñecer a República Popular para poder ter relacións con eles, o que agora aplica Beijing baixo o nome de política “dunha 
soa China”.

Na actualidade, apenas 14 Estados recoñecen Taiwán, máis as súas relacións políticas informais e os vencellos comerciais atinxen arredor de 70 Estados máis.

Periodicamente, as autoridades de Taipei reclaman a súa integración na ONU, como fixeron nas últimas xornadas, facendo un chamamento a participar na Asemblea Xeral da entidade, que decorrerá a semana que vén. Así e todo, o dereito de veto de Beijing no Consello de Seguridade fecha a porta a calquera recoñecemento da institución.

Autonomía

Aínda que Taiwán de facto exerce como un Estado soberano, a illa non proclamou a súa independencia do continente, o que está considerado como unha liña vermella pola República Popular e que avalaría unha intervención militar.

Para a China, a illa é un ente autónomo e fixa a reunificación como un obxectivo irrenunciábel, sen descartar se fose preciso a vía militar, mais salientando a preferencia por un acordo semellante ao que teñen Macao e Hong Kong, denominado “un país, dous sistemas”, e que lles garante manter o seu sistema político e económico até 50 anos despois da integración no país.

No que respecta a súa política interna, o Kuomintang é máis proclive á posibilidade dunha reintegración da illa co continente, e mantén xuntanzas periódicas con Beijing. Non obstante, a forza que lidera a coalición gobernante é o Partido Progresista Democrático, partidario da independencia e máis ligado á poboación orixinaria, mentres que o poder do Kuomintang, que non permitiu máis partidos políticos até finais da década de 1980, construíse arredor dos chineses que chegaron do continente con Chiang.

Semicondutores

Os dispositivos semicondutores son imprescindíbeis para o funcionamento dos aparellos electrónicos, e reciben ese nome dos materiais semicondutores, que permiten ou bloquean o paso de electricidade.

A principal empresa do sector é a Taiwan Semiconductor Manufacturing Company (TSMC), que controla 54% do mercado mundial. Outras empresas elevan a cota de mercado da illa no sector a 63%, recolle TrendForce. Entre a China, Taiwán e Corea do Sur acumulan 87% do mercado, nunha industria moi dependente dos pescozos de botella do comercio mundial, pois require un alto grao de interconexión ao precisar múltiples compoñentes e tecnoloxías.

Con todo, TSMC está a construír en Arizona a súa primeira planta fóra de Taiwán, após chegar a un acordo con Washington, que non quería depender da situación política na illa para obter uns dispositivos que precisa. Esta industria é a principal baza de Taipei.

O papel dos Estados Unidos

Malia aceptar formalmente a política dunha soa China, a falta de relacións oficiais non impide que os Estados Unidos sexan o principal provedor de armamento de Taiwán. A comezos de mes, aprobou unha nova venda por valor de 1.100 millóns de euros, “apoiando os continuos esforzos do destinatario para manter unha capacidade defensiva críbel”, incidiu o Departamento de Estado.

A nivel xeoestratéxico, os EUA tratan de impedir o control de Beijing no mar da China e no océano Pacífico, atando alianzas con países como Filipinas, o Xapón ou Corea do Sur e negándose a confirmar se no caso dun ataque chinés defenderían Taiwán.

As visitas dos seus políticos tamén xeran o enfado de Beiijng, que, despois da chegada de Nancy Pelosi (presidenta da Cámara de Representantes dos EUA e a primeira visitante de alto nivel desde 1997) o 2 de agosto, iniciou exercicios militares que supuxeron un bloqueo na práctica da illa, chegando os mísiles chineses a sobrevoar a capital taiwanesa.

Porén, desde esa data cinco delegacións máis con políticos e gobernadores estadounidenses foron a Taipei, ao multiplicar as autoridades o número de convites a delegacións estranxeiras, aceptados por parlamentarios de Estados como Francia, que estiveron a semana pasada na illa.

A finais do ano pasado, Tsai Ing-wen, presidenta de Taiwán, recoñeceu que os militares dos EUA están a adestrar o seu Exército.
 

Comentarios