A China utiliza munición real a menos de 20 km de Taiwán

Está previsto que o exercicio acabe o domingo.
Disparos desde a China. (Foto: BN9195)
photo_camera Disparos desde a China. (Foto: BN9195)

Ao mediodía (hora local) desta quinta feira, o Exército Popular de Liberación chinés deu inicio ao exercicio militar anunciado durante a visita a Taiwán da presidenta da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, Nancy Pelosi.

Estas operacións, que se efectúan en seis áreas arredor da illa autónoma e no seu respectivo espazo aéreo, decorren moito máis perto do territorio que calquera outro exercicio lanzado con anterioridade, chegando a situarse a menos de 20 quilómetros da costa e da cidade de Kaohsiung, a máis importante no sur de Taiwán e a terceira máis poboada.

No primeiro día dunhas manobras militares "sen precedentes", sostiveron os militares chineses, utilizouse munición real conformada por varios tipos de mísiles convencionais, incluídos de longo alcance, para avaliar a precisión e a capacidade de bloquear estas áreas.

Amais, tamén inclúe o "despregue de armas avanzadas", como os mísiles hipersónicos, e avións espía orientados ao combate aéreo. É a primeira ocasión na que como parte de exercicios militares os mísiles disparados desde a China continental cruzarán toda a illa até obxectivos localizados no leste. Pola contra, as autoridades taiwanesas denunciaron que as operacións son na práctica un bloqueo por mar e aire da illa, e acusaron Beijing dun "comportamento irracional".

Apenas unhas horas antes, o G7 (que agrupa os autoproclamados Estados máis ricos do mundo) e a Unión Europea (UE) emitiron un comunicado conxunto no que pedían á China que "manteña a orde no marco do dereito internacional", facendo fincapé en que "non hai xustificación para utilizar a visita como un pretexto para realizar actividade militar agresiva no estreito de Taiwán".

A resposta chinesa non se fixo agardar, o voceiro perante a UE, Zhang Ming, subliñou onte que "Taiwán forma parte do territorio chinés, e meterse nos seus asuntos é unha violación da soberanía da China", e cuestionou que estes países queiran impor as súas propias normas. "Que é a maldade? Que significa non ter vergonza? Se hai alguén no mundo que non o entenda que mire as declaracións [do G7 e a UE], non é máis que a lóxica do ladrón, un pode facer o mal e os demais non poden contraatacar", asegurou.

Unha soa China

Pola súa parte, a Asociación de Nacións do Sueste Asiático salientou que a visita de Pelosi ten "consecuencias imprevisíbeis", e ratificou o apoio á política dunha soa China.

Comentarios