INTERNACIONAL

O Partido Comunista da China celebra o seu 100 aniversario

O Partido Comunista da China celebra o seu 100 aniversario

Xi Jinping fecha a conmemoración do 100 aniversario do PCCh cun discurso na praza de Tian'anmen, despois dunha semana na que se sucederon distintos actos para a celebración da data.
Final do espectáculo que decorreu a segunda feira no Estadio Nacional de Beijing. (Foto: Xinhua / Huang Jingwen)
photo_camera Final do espectáculo que decorreu a segunda feira no Estadio Nacional de Beijing. (Foto: Xinhua / Huang Jingwen)

Hai cen anos, en xullo de 1921, 12 delegados que representaban 53 militantes reuníronse clandestinamente nunha casa baixa de pedra na daquela Concesión francesa de Shanghai.

No decurso das últimas xornadas das seis sesións que estaban planificadas, un descoñecido entrou a reunión, provocando o medo a irrupción da Policía entre os participantes. Li Da, compañeira dun dos delegados, propuxo que a última xuntanza fora trasladada a súa cidade natal, Jianxing.

Alí alugaron unha barca baixo a aparencia de turistas, na cal se aprobou o nome oficial, Partido Comunista da China (PCCh), e o seu primeiro proxecto político. Entre eles estaba Mao Zedong, de 28 anos, fundador e primeiro líder da República Popular da China.

Cen anos despois, o PCCh suma máis de 70 anos de goberno e conta con 95 millóns de militantes, o 7% da poboación da China, o que o converte no partido comunista con máis afiliadas e afiliados e a segunda forza política a nivel mundial, só despois do Bharatiya Janata Party (Partido Popular da India), que goberna actualmente.

Nas últimas semanas estendeuse por todo o territorio chinés a preparación do centenario, mais foi nos días previos ao 1 de xullo, a data oficial da conmemoración, cando se concentraron boa parte dos fastos de celebración.

O primeiro grande evento decorreu esta segunda feira, o Estadio Nacional de Beijing acolleu un espectáculo artístico, A Gran Expedición, coa presenza de 20.000 persoas, entre elas o presidente da República Popular e secretario xeral do PCCh, Xi Jinping.

Segundo recolle Xinhua, a función amosou como o “pobo chinés, baixo a dirección do PCCh, levou a cabo a revolución, construción e reforma dos últimos 100 anos”.

A terza feira, Xi concedeu no Gran Palacio do Pobo de Beijing a medalla 1 de xullo a 29 militantes do Partido, esta medalla é o galardón máis importante do PCCh e foi entregada por primeira vez.

Os militantes, que non ocupan cargos relevantes no PCCh, foron cualificados por Xi como “heroes cotiáns”, despois de facer “contribucións sobresaíntes ao Partido e ao pobo”, abrindo a porta a unha “nova era que precisa heroes”.

Ese mesmo día, foron premiados por logros sobresaíntes 103 secretarias e secretarios do PCCh a nivel de distrito, cos que tamén se reuniu Xi acompañado de membros do Buró Político do Comité Central, que aprobou as distincións.

Discurso en Tian'anmen

O colofón do aniversario terá lugar este 1 de xullo pola mañá co discurso de Xi na praza de Tian'anmen, na capital chinesa, que segundo informan os medios asiáticos está fechada hai días para preparar o escenario final da conmemoración.

Un gran país socialista moderno

O embaixador da China no Estado español, Wu Haitao, defendeu hai uns días que despois de “alcanzar a construción integral dunha sociedade modestamente acomodada e os obxectivos do primeiro centenario, estanse a dar pasos para concretar os obxectivos do segundo centenario, que consiste en facer da China un gran país socialista moderno para 2050".

Con motivo do centenario, o PCCh publicou arredor de 200 felicitacións de presidentes e líderes políticos dos cinco continentes.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios