Nancy Pelosi desoe os avisos do Goberno chinés e aterra en Taiwan

“A solidariedade americana cos 23 millóns de taiwaneses é máis importante hoxe que nunca, nun momento no que o mundo se divide entre a autocracia e a democracia”, manifestou a súa chegada.
A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi. (Foto: Europa Press)

A presidenta da Cámara de Representantes dos Estados Unidos (EUA), Nancy Pelosi, aterrou na mañá desta terza feira na capital de Taiwán, Taipéi, desoíndo todos os avisos do Goberno chinés sobre as medidas "contundentes" que adoptaría no caso de que a política estadounidense entrase en territorio taiwanés.

Pelosi, que se atopa nunha xira por varios países de Asia, a primeira dunha presidenta da Cámara de Representantes dos EUA en 25 anos, non incluíu a visita a Taiwán no seu itinerario público até o último momento.

Na súa conta de Twitter, a representante política explicou que “a visita da nosa delegación honra o compromiso inquebrantable dos EUA coa vibrante democracia taiwanesa”. “A solidariedade americana cos 23 millóns de taiwaneses é máis importante hoxe que nunca, nun momento no que o mundo se divide entre a autocracia e a democracia”, engadiu.

Pola súa parte, a portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Hua Chunying, asegurou que, "se Estados Unidos ignora a opinión dos demais, China non dubidará en tomar medidas contundentes para defender a súa soberanía e os seus intereses en materia de seguridade".

Pequín considera Taiwan como parte irrenunciábel do seu territorio e insiste en que calquera negociación unilateral coa illa que pase por encima do Goberno chinés viola o principio chave da súa política, como é o dunha soa China.

Nova visita 'sorpresa'

O pasado 14 de abril, un grupo de seis congresistas estadounidenses arribou na quinta feira a Taiwan nunha visita non anunciada, informou a Chancelaría local da illa. Os lexisladores foron recibidos no Aeroporto de Taipei Songshan polo ministro de Exteriores da illa, Joseph Wu.

A delegación estaba composta por representantes demócratas e republicanos. En particular, incluía o xefe do comité de Relacións Exteriores do Senado dos Estados Unidos de América (EUA), Bob Menendez.

A visita tivo lugar despois de os EUA aprobasen a principios abril a posíbel venda de artigos militares á illa, un paso que foi rexeitado enerxicamente por China, que o clasificou como outro intento de interferir nos seus asuntos internos.

Comentarios