O Exército da China, "preparado para a guerra" após unha nova visita a Taiwán de congresistas dos EUA

Beijing ordena a realización de manobras militares arredor da illa en resposta á recepción do Executivo taiwanés a unha delegación de diplomáticos estadounidenses dúas semanas despois da controvertida visita de Nancy Pelosi.
A delegación de congresistas dos EUA encabezada por Ed Markey aterrou este domingo en Taipéi. (Foto: Zuma Press)
photo_camera A delegación de congresistas dos EUA encabezada por Ed Markey aterrou este domingo en Taipéi. (Foto: Zuma Press)

Unha nova delegación conformada por cinco congresistas estadounidenses aterrou este domingo en Taiwán e esta segunda feira foi recibida a primeira hora pola presidenta da illa, Tsai Ing Wen. A visita prodúcese dúas semanas despois da controvertida visita da presidenta do Congreso, Nancy Pelosi.

A delegación, que conta con representantes republicanos e demócratas e está encabezada polo senador Ed Markey (Partido Demócrata), busca enviar unha "importante mensaxe de apoio" e afondar nas "relacións bilaterais, seguridade rexional, comercio, investimentos, cambio climático" e outras cuestións entre os EUA e o territorio autoproclamado como independente.

A modo de resposta, o Ministerio de Defensa chinés ordenou a realización de manobras militares e exercicios de adestramento nas áreas marítimas e o espazo aéreo que arrodea a illa, algo que xa acontecera após a breve viaxe de Pelosi.

"Taiwán é parte da China, e a cuestión de Taiwán é puramente un asunto interno da China e non admite inxerencias estranxeiras", apuntou o portavoz do Ministerio, Wu Qian, en declaracións recollidas polo xornal Global Times.

Na mesma liña, Wu advertiu Washington e máis Taipéi que "buscar a independencia" co apoio dos EUA é unha manobra política "condenada ao fracaso" porque supón unha "intrusión na soberanía e integridade territorial da China", algo que "envía un sinal equivocado aos secesionistas da illa".

O Exército chinés, "preparado" para a guerra se escala o conflito con Taiwán

"O Exército Popular de Liberación [da China] seguirá a adestrar soldados e a prepararse para a guerra, salvagardando a soberanía e integridade chinesa, e esmagará con contundencia calquera intento de independencia de Taiwán", engadiu Wu.

A visita de Nancy Pelosi desencadeou unha forte resposta diplomática de Beijing, que suspendeu contactos con Washington en asuntos chave da cooperación internacional.

Comentarios