Unha nova visita a Taiwán de diplomáticos estadounidenses aviva as tensións coa China

O gobernador republicano de Indiana, Eric Holcomb, reúnese nesta segunda feira coa presidenta taiwanesa, Tsai Ing-wen, seguindo os pasos de Nancy Pelosi e Ed Markey.
Á esquerda, o gobernador de Indiana (EUA), Eric Holcomb; á esquerda, a presidenta de Taiwán, Tsai Ing-wen. (Fotos: Goberno de Taiwán - Jeremy Hogan / Zuma Press)
photo_camera Á esquerda, o gobernador de Indiana (EUA), Eric Holcomb; á esquerda, a presidenta de Taiwán, Tsai Ing-wen. (Fotos: Goberno de Taiwán - Jeremy Hogan / Zuma Press)

Máis unha visita, a terceira neste mes de agosto, de diplomáticos estadounidenses a Taiwán no medio da crecente tensión entre Washington e Beijing, logo de abrir a veda o pasado día 2 a presidenta do Congreso, Nancy Pelosi.

Desta volta a presidenta taiwanesa, Tsai Ing-wen, recibe nesta segunda feira unha delegación encabezada polo gobernador republicano de Indiana, Eric Holcomb, na que anunciou como unha "viaxe de desenvolvemento económico".

"A delegación centrarase en fortalecer as asociacións económicas e académicas de Indiana e reforzar o compromiso do Estado coa innovación, alén de comprometerse a traballar xuntos para construír a economía do futuro a escala internacional", precisaron desde a oficina de Holcomb, nun comunicado recollido por CNN.

Desde a Casa Branca insisten en que non mudou a política de 'Unha soa China' que defende Beijing, se ben mantén estreitos vínculos non oficiais con Taipéi e reafirma o seu "apoio" ao Goberno taiwanés, tal e como expresou o senador demócrata Ed Markey na súa visita da pasada semana á illa.

China pide a fin das "inxerencias estranxeiras"

Daquela, o portavoz do Ministerio de Defensa chinés, Wu Qian, ordenara a realización de manobras militares e exercicios de adestramento nas áreas marítimas e o espazo aéreo que arrodea a illa, algo que xa acontecera após a breve viaxe de Pelosi.

"O Exército Popular de Liberación [da China] seguirá a adestrar soldados e a prepararse para a guerra, salvagardando a soberanía e integridade chinesa, e esmagará con contundencia calquera intento de independencia de Taiwán", engadira Wu, advertindo que se trata dun "asunto interno da China que non admite inxerencias estranxeiras".

Comentarios