A China propón unha estrutura de seguridade internacional

Xi Jinping afirma que unha estrutura de seguridade internacional como a que propón axudaría a resolver as disputas entre Estados. O mandatario chinés pide unión ante os desafíos globais.
O presidente da República Popular de China, Xi Jinping. (Foto: Huang Jingwen / Xinhua News / Contacto Photo)
photo_camera O presidente da República Popular de China, Xi Jinping. (Foto: Huang Jingwen / Xinhua News / Contacto Photo)

O presidente da República Popular da China, Xi Jinping, formulou esta quinta feira unha proposta no ámbito da seguridade internacional, en cuxo marco instou a rexeitar a mentalidade da Guerra Fría e absterse da confrontación de bloques.

O mandatario chinés indicou que a humanidade precisa vivir nunha "comunidade de seguridade indivisíbel". "Demostrouse unha e outra vez que a mentalidade da Guerra Fría só destruiría o marco da paz global, que o hexemonismo e a política de poder só poría en perigo a paz mundial e que a confrontación de bloques só exacerbaría os desafíos de seguridade no século XXI", afirmou.

Neste sentido, demandou tomar en serio as "preocupacións de seguridade lexitimas de todos os países", respectando o principio da seguridade indivisíbel da humanidade, para o que propón a creación dunha arquitectura de seguridade efectiva e equilibrada que se opoña aos intentos de lograr a seguridade dun Estado a expensas da de outro.

Para o mandatario chinés, a existencia desta estrutura global de seguridade axudaría a resolver as disputas entre os Estados de maneira pacífica, a través de diálogos e consultas, rexeitando o tratamento diferenciado segundo o Estado do que se trate e opóndose ao uso das sancións unilaterais.

Xi apostou por un compromiso global co concepto da seguridade "común, ampla, cooperativa e sostíbel", así como traballar para manter a paz e a seguridade no mundo.

Agregou a necesidade de que se respecte a soberanía e a integridade territorial de todos os países e que non se interfira nos seus asuntos internos, no marco do cumprimento cos "obxectivos e principios da Carta das Nacións Unidas".

Apostou tamén por manter a seguridade "en dominios tradicionais e non tradicionais" e "traballar xuntos en disputas rexionais e desafíos globais, como o terrorismo, o cambio climático, a ciberseguridade e a bioseguridade".

"Os países de todo o mundo son como pasaxeiros a bordo do mesmo barco que comparten o mesmo destino. Para que o barco supere a tormenta e navegue cara a un futuro brillante, todos os pasaxeiros deben traballar xuntos. A idea de arroxar a algún pola borda simplemente non é aceptábel", subliñou o mandatario chinés.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios