Análise

Por que China non tolera a visita de Nancy Pelosi a Taiwán?

Entre o 2 e o 3 de agosto, a presidenta da Cámara de Representantes de EEUU, Nancy Pelosi, facendo oídos xordos á forte crítica e á seria advertencia da China, realizou unha visita sen anunciar á illa de Taiwán da China, feito que provocou reaccións enérxicas dese país e chamou unha ampla atención no mundo. 

A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, recibiu esta cuarta feira unha alta distinción do Executivo taiwanés por parte da súa presidenta, Tsai Ing-wen. (Goberno de Taiwan)
photo_camera A presidenta da Cámara de Representantes dos EUA, Nancy Pelosi, coa líder taiwanesa Tsai Ing-wen (Nós Diario)

O Ministerio de Relacións Exteriores da China, a Oficina de Asuntos de Taiwán do Comité Central do Partido Comunista da China e o Comité de Asuntos Exteriores da Conferencia Consultiva Política Nacional da China fixeron declaracións respecto diso. 

O chanceler chinés, Wang Yi, e os voceiros do Comité Permanente da Asemblea Popular Nacional e do Ministerio de Defensa Nacional da China deron a coñecer os seus comentarios sobre a visita. Todos manifestaron a súa enérxica protesta contra a visita de Pelosi a Taiwán, e sinalaron que o que fixo Pelosi violara abertamente o compromiso estabelecido pola autoridade norteamericana en canto a observar a política dunha soa China e non estabelecer ningún contacto de carácter oficial con Taiwán, e que constituíu unha provocación política importante á China.

A parte chinesa reiterou que o principio dunha soa China é un consenso xeral da comunidade internacional e unha das normas fundamentais que guían a relación interestatal, e reafirmou a determinación, a vontade e a capacidade da China na defensa da soberanía nacional e a integridade territorial, e no cumprimento do obxectivo de reunificar o país. As autoridades chinesas advertiron a Taiwán que deixase de promover a chamada Independencia Progresiva.

Tamén advertiron aos Estados Unidos que non tentase aplicar a política de conter China con Taiwán nin apoiar as actividades separatistas da illa. Ademais, o Ministerio de Relacións Exteriores da China convocou urxentemente o embaixador norteamericano e presentou protesta nun ton furioso pouco escoitado anteriormente. As fortes reaccións da China non se limitan a ser verbais, senón que se reflicten rapidamente en accións. Neste contexto, o Exército de Liberación Popular da China realizou unha serie de manobras militares con lume real no mar e aire ao redor da illa de Taiwán entre o 4 e o 7 de agosto. Sen dúbida é unha nova advertencia tanto ás forzas secesionistas taiwanesas como aos Estados Unidos. 

Violación da soberanía nacional

Por que a China non tolera a visita de Nancy Pelosi a Taiwán? Hai tres explicacións. Primeiro, Pelosi violou seriamente a soberanía nacional e a integridade territorial da China. Taiwán, desde tempo moi afastado, forma parte do territorio chinés. No século XVII, a Dinastía Qing da China xa comezou a exercer a administración sobre Taiwán.

A illa permaneceu baixo a colonización xaponesa durante medio século, concretamente entre 1895 e 1945. Ao termo da Segunda Guerra Mundial, de acordo co estipulado na Declaración do Cairo e a Declaración de Postdam, a China recuperou a súa soberanía en Taiwán. 

Cando o goberno da República Popular da China substituíu o da República da China en outubro de 1949, sendo o único goberno lexítimo da China, loxicamente empezou a exercer a soberanía en toda a China incluíndo Taiwán. Esta vez, sen ter o permiso do goberno chinés e até co seu firme rexeitamento, Nancy Pelosi insistiu en visitar Taiwán, o cal foi en contra das normas básicas da relación interestatal e considérase unha ofensa seria á soberanía nacional da China. 

Ameaza á paz e á estabilidade

Segundo, Pelosi enviou un sinal erróneo ás forzas separatistas de Taiwán e aumentou a ameaza á paz e á estabilidade no Estreito de Taiwán. A líder taiwanesa Tsai Ing-wen mantén obcecadamente a posición independentista, non recoñece o Consenso de 1992 cuxa esencia é Unha Soa China, pregoa abertamente a tese de Dúas Chinas, ataca sen escrúpulos o principio dun País, Dous Sistemas, practica a desinización na illa, manipula a Independencia recorrendo aos supostos recursos xurídicos, provoca intencionadamente o enfrontamento entre ambos os lados do Estreito de Taiwán e practica as actividades secesionistas no ámbito internacional en conspiración coas forzas foráneas antichinesas. 

A visita de Pelosi podería deixar á autoridade taiwanesa unha ilusión do apoio norteamericano á Independencia de Taiwán, que serve para estimular as actividades separatistas en maior grao e, en consecuencia, producir uns incidentes de xogar con lume que porán en ameaza a paz e a estabilidade da rexión. 

Violación do principio dunha Soa China

Terceiro, Pelosi violou seriamente o principio dunha Soa China e os compromisos estabelecidos nas tres Declaracións Conxuntas entre a China e os Estados Unidos. Hai unha soa China no mundo. Taiwán forma parte inalienábel do territorio chinés. O da República Popular China é o único goberno lexítimo de toda China. Estes feitos quedan reconfirmados na Resolución número 2.758 da Asemblea Xeral da ONU aprobada en 1971. 

A autoridade norteamericana fixou un compromiso ben claro no Comunicado sobre o Estabelecemento de Relación Diplomática con China: Os Estados Unidos Americanos recoñece o goberno da República Popular da China como o único goberno lexítimo da China. Neste marco, o pobo americano manterá vínculos non oficiais en ámbito cultural, comercial e outros co pobo taiwanés. O Congreso de representantes, sendo unha parte da autoridade norteamericana, debe adherirse cabalmente a ese compromiso e non debe manter ningún contacto de carácter oficial con Taiwán. 

O cargo que desempeña Pelosi pintou con marcada cor oficial a súa visita á illa, que violou desenfreadamente o compromiso do seu goberno, significa un desafío brutal ao principio dunha Soa China e causou novas e importantes molestias á relación sino-americana. A parte chinesa descargou a súa ira contra a provocación de Pelosi. Suponse que a protesta e a advertencia da China non son palabras baleiras e converteranse en accións concretas. Pelosi e as forzas separatistas de Taiwán pagarán o debido prezo polos seus actos ridículos.

*Yao Fei é o Ministro Conselleiro da Embaixada da China no Estado español

Comentarios