Biden viaxa a Israel tras Xordania cancelar a reunión no medio da destrución de Gaza, onde caeron 10.000 bombas

Israel bombardea un hospital ateigado mentres os países occidentais néganse a condenar a agresión a Palestina. Amais, a Oficina de Dereitos Humanos da ONU sostén que Tel Aviv pode estar cometendo crimes contra a humanidade en Gaza. O presidente estadounidense desprázase esta cuarta feira a Israel.
Edificios destruídos a terza feira no sur de Gaza tras os ataques de Israel. (Fotos: Mohammad Abu Elsebah / dpa)
photo_camera Edificios destruídos a terza feira no sur de Gaza tras os ataques de Israel. (Fotos: Mohammad Abu Elsebah / dpa)

No mínimo 500 persoas morreron esta terza feira no ataque israelí ao hospital al-Ahli de Gaza, informaron autoridades locais, no que a Defensa Civil Palestina definiu como “xenocidio”. O crime de guerra foi condenado “enerxicamente” polo director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus. A organización humanitaria MedGlobal afirmou que o bombardeo violou o Convenio de Xenebra e cualificouno como “o peor ataque a un centro médico no século XXI”.

Porén, o ministro de Seguridade Nacional do Goberno de extrema dereita de Israel, Itamar Ben-Gvir, comunicou logo da agresión que “mentres Hamas non libere os reféns, o único que necesita entrar en Gaza son centos de toneladas de explosivos da Forza Aérea, non unha vaga de axuda humanitaria”, gabándose, como fixeron múltiples membros do Executivo nas últimas xornadas, do castigo colectivo que están a impor á poboación palestina, unha práctica prohibida no dereito internacional.

Outro tanto acontece cos ataques a escolas. Seis persoas morreron no bombardeo dun centro educativo administrado pola ONU no campo de refuxiados de al-Maghazi, no centro de Gaza. “Identificamos claramente todos os nosos edificios e compartimos as coordenadas con todas as partes”, subliñou Tamara al-Rifai, da Axencia de Obras Pública e Socorro da Organización das Nacións Unidas (ONU), que engadiu que o ataque a un campo de refuxiados “densamente poboado” é “algo absolutamente impactante”.

A cifra de palestinas e palestinos asasinados por Israel desde o 7 de outubro ascende a arredor de 3.500. Máis alá dos datos oficiais, os equipos médicos de Gaza estimaron en 1.200 —entre elas 500 crianzas— as persoas atrapadas baixo os cascallos en base ás chamadas de socorro recibidas. Os bombardeos indiscriminados contra Gaza destruíron segundo o Observatorio Euromediterráneo de Dereitos Humanos 2.650 vivendas e danaron 70.000 máis. Tamén arrasaron con 71 escolas, 145 fábricas, 61 sedes de medios de comunicación e 18 mesquitas. Nunha semana e media, Israel lanzou máis de 10.000 bombas contra o territorio no que residen 2,3 millóns de persoas.

Crimes contra a humanidade

"Aqueles que lograron cumprir coa orde de evacuación das autoridades israelís están atrapados no sur da Faixa de Gaza, con escasos refuxios, subministracións de alimentos que se esgotan rapidamente, acceso escaso ou nulo a auga potábel, saneamento, medicinas e outras necesidades básicas", denunciou a terza feira Ravina Shamdasani, voceira da Oficina de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU).

A portavoz asegurou que “preocupa” que a orde de evacuación —a lugares logo atacados por Israel— “combinada coa imposición dun asedio completo de Gaza, non poida considerarse unha evacuación temporal legal, e, polo tanto, sexa equivalente a un traslado forzoso de civís en violación do dereito internacional”, o que está considerado un crime contra a humanidade e pode ser perseguido pola Corte Penal Internacional.

As declaracións producíronse despois de que a Comisión Internacional Independente de Investigación sobre Palestina da ONU presentara un informe no que acusa Israel de cometer crimes de guerra contra o pobo palestino entre maio de 2021 e agosto de 2023, antes da escalada que comezou o 7 de outubro, que detalla que Israel non emprega absolutamente ningún medio para evitar baixas civís entre a poboación palestina.

A pesar das alertas da Organización Mundial da Saúde de que Gaza está nunha situación catastrófica, con reservas case esgotadas de alimentos e a poboación consumindo auga non potábel polo asedio, refire a cadea Al Jazeera, e das alertas polo inicio dunha nova limpeza étnica contra os palestinos, o presidente estadounidense, Joe Biden, confirmou que a cuarta feira estará en Israel nunha declaración de “solidariedade” e “compromiso férreo coa súa seguridade”.

Tamén foi enviado a Tel Aviv o comandante do Mando Central das Forzas Armadas estadounidenses, e 2.000 soldados foron postos en alerta para “poder responder rapidamente á cambiante situación de seguridade” na rexión, indicou Washington, antes do comezo dunha anunciada invasión a Gaza, aínda que o Exército israelí indicou que “podería ser algo diferente”.

Na xuntanza ao respecto convocada no Consello de Seguridade da ONU, os Estados Unidos, Reino Unido, Francia e o Xapón vetaron unha resolución de Rusia que pedía un alto o fogo humanitario en Gaza condenando “toda violencia contra civís e o terrorismo”, argumentando que non condenaba o ataque de Hamas o 7 de outubro, no que morreron 1.400 persoas e foron capturadas arredor de 200, algunhas da que morreron nos ataques israelís a Gaza.

No que atinxe a estas persoas, Hamas anunciou que liberará o que considerou “convidados” non israelís cando a situación o permita, e instou a cambiar o resto de reféns polos aproximadamente 6.000 prisioneiros palestinos capturados por Israel. Ao tempo, afirmou que a visita de Biden avala o “masacre” contra o pobo palestino.

Holocausto

Tamén Alemaña reiterou o seu apoio a Israel por medio da visita do chanceler Olaf Scholz, que insistiu en que o país “debe garantir a existencia de Israel” polo Holocausto, que tamén sufriron soviéticos, pobos eslavos ou romanís. Até o de agora, tampouco a Unión Europea condenou a agresión israelí, algo que si fixo co ataque de Hamas.

Precisamente Berlín, que canda Francia vetaron as protestas a favor de Palestina, foi cuestionado por centos de escritoras e escritores por pospor a entrega dun premio a unha escritora palestina, Adania Shibli, na Feira do Libro de Frankfurt, tras transcender que Francia detivo a filósofa palestina Mariam Abu Daqqa por “perturbar a orde pública” cando se dispuña a participar en debates sobre a loita das mulleres palestinas.

Comentarios