Pediches o bono comercio? Xa non estás a tempo de empregalo

Menos dunha semana despois da finalización do prazo para pedir os bonos, xa non é posíbel empregar os mesmos.
Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes (Foto: Álex Zea / Europa Press).

#comercio #tenda
photo_camera Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes (Foto: Álex Zea / Europa Press). #comercio #tenda

Os 2,5 millóns de euros habilitados pola Xunta da Galiza para facer compras con desconto nos negocios adheridos ao Bono Activa Comercio esgotáronse cinco días despois de que se activase a descarga para particulares.

A Xunta lembrou que os negocios que desexaron participar nesta iniciativa adheríronse desde o 16 de abril, mentres que as usuarias interesadas puideron descargar os seus bonos de desconto na web habilitada desde o pasado día 26. Porén, menos dunha semana despois xa non é posíbel empregar os mesmos.

Así o destacou esta quinta feira o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Chantada (comarca homónima) dous dos negocios adheridos á V edición da campaña.

Desta maneira, a campaña saldouse con 6.850 comercios sumados á iniciativa no conxunto do país, con case 300.000 bonos descargados e con 12 millóns de euros mobilizados en compras.

Comparecencia en Chantada

En presenza do alcalde de Chantada, Manuel Taboada; do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e do presidente da asociación de empresarios e do Centro Comercial Aberto de Chantada, Iñaki Castiñeira, o director xeral agradeceu a súa implicación aos estabelecementos que se sumaron a esta campaña.

Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, cualificou de "éxito" o programa mediante o que o Goberno galego financiou descontos de até 30 euros co propósito de incidir na fidelización e na apertura a novas persoas usuarias do tecido comercial galego.

Comentarios