Centos de vítimas no bombardeo a un hospital de Gaza: "Non hai feridos, só mortos"

Minutos despois de notificarse o ataque, o ministro israelita Itamar Ben-Gvir afirmou que "mentres Hamás non libere os reféns, o único que necesita entrar en Gaza son centos de toneladas de explosivos". O Exército de Israel nega a autoría e atribúeo a un "mísil falido" da Yihad Islámica.
Bombardeo sobre a Cidade de Gaza. (Foto: Hashem Zimmo / Contacto via Europa Press)
photo_camera Bombardeo sobre a Cidade de Gaza. (Foto: Hashem Zimmo / Contacto via Europa Press)

As autoridades palestinas veñen de denunciar o bombardeo das Forzas Armadas de Israel sobre un hospital da Cidade de Gaza, o Al-Ahli, que deixou arredor de 500 mortos. Posteriormente, e a consecuencia disto, produciuse un incendio dentro do edificio, precisa a axencia local de noticias Maan. Esta mesma terza feira Palestina cifraba en arredor de 3.000 as vítimas mortais na Faixa, e máis de 12.500 persoas feridas. Tamén foron asasinadas outras 61 persoas na rexión de Cisxordania. O Exército de Israel, porén, negou a autoría e afirmou que se tratou dun mísil falido lanzado pola Yihad Islámica.

A ONU alertaba tamén hoxe de que as reservas de comida dentro da Faixa de Gaza poderían esgotarse en menos dunha semana, polo que urxía a acordar a reapertura do paso fronteirizo de Rafah para que poidan entrar máis de 300 toneladas de axuda humanitaria a través de Exipto. Estes alimentos poderían alimentar unhas 244.000 persoas.

"O masacre do hospital Al-Ahali non ten precedentes na nosa historia. Aínda que asistimos a horríbeis masacres nos días pasados, o que pasou esta noite constitúe un xenocidio por todas as definicións. Non hai feridos, todos mortos. Estou sen palabras", lamentou o portavoz da Defensa Civil Palestina, Mahmoud Basal.

Escasos minutos despois de notificarse o bombardeo ao hospital, o ministro de Seguridade Nacional israelita, Itamar Ben-Gvir, opinou a través da rede social X (antes Twitter) que o que Gaza precisa "son bombas": "Mentres Hamás non libere os reféns, o único que necesita entrar en Gaza son centos de toneladas de explosivos da Forza Aérea, non unha vaga de axuda humanitaria".

Nesta mesma xornada tamén se produciu un bombardeo sobre unha escola da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA, en inglés), segundo informou esta mesma institución. Un mínimo de seis persoas morreron e varias resultaron feridas de diversa consideración.

Este ataque produciuse no campo de persoas refuxiadas de Al Maghazi, no centro de Gaza, e provocou "danos estruturais" no inmóbel. "En Gaza a preocupación pola deshidratación aumenta a medida que pasan as horas. Sen auga nin combustíbel para operar as plantas de auga e desalinización, a vida de dous millóns de persoas corre grave perigo", alertaba recentemente a UNRWA.

Comentarios