VÍDEO NO INTERIOR

A resposta 'viral' dun embaixador de Palestina sobre Hamás na 'BBC': "Vostede pregunta aos israelitas se condenan os seus crimes?"

O diplomático Husam Zomlot, máximo representante de Palestina no Reino Unido, foi entrevistado na 'BBC' ao fío dos últimos acontecementos en Israel e Palestina, e a primeira pregunta foi se condenaba os crimes de Hamás. A súa resposta non deixou ninguén indiferente.
Husam Zomlot, embaixador palestino no Reino Unido, entrevistado na 'BBC'.
photo_camera Husam Zomlot, embaixador palestino no Reino Unido, entrevistado na 'BBC'.

O embaixador de Palestina no Reino Unido, Husam Zomlot, foi entrevistado esta segunda feira na canle británica BBC News e a súa intervención, así como a do xornalista, non deixou ninguén indiferente e correu como a pólvora polas redes sociais. O presentador arrincou a conversa preguntando se apoiaba os actos terroristas perpetrados por membros de Hamás no marco da ofensiva das milicias palestinas da pasada fin de semana. Unhas accións que desataron a máis forte resposta bélica por parte de Israel dos últimos anos e que se traduciu en constantes bombardeos sobre a Faixa de Gaza.

"Esa non é a pregunta correcta", replicou Zomlot, quen, ante a insistencia do xornalista da BBC, que porfiaba en interpelalo sobre o que consideraba "unha cuestión moi importante", lembrou: "Hamás é un grupo de milicianos e eu estou aquí como representante de Palestina —e non de Hamás—". Cómpre lembrar que esta organización controla Gaza desde hai anos, mais os restantes territorios palestinos fican baixo o dominio do Goberno de Mahmud Abbas, o presidente do Estado de Palestina recoñecido pola comunidade internacional e en cuxo organigrama se integra tamén o embaixador no Reino Unido.

A posición do Goberno palestino a respecto de Hamás, subliñiu Husam Zomlot ante as cámaras, "é coñecida e moi clara". "Isto non vai de se eu apoio ou non Hamás, eu estou aquí para defender o pobo palestino", proseguiu, e a continuación afirmou que "se hai alguén que debería ser condenado é a 'única democracia do Oriente Medio' —dixo, entre aspas, en alusión a Israel—, que atacou a poboación civil e non só nas últimas 48 horas".

O presentador reitera a súa pregunta sobre a condena dos actos de Hamás e o embaixador responde de forma contundente: "Hamás non é o Goberno palestino. Porén, o Goberno israelí si que ordenou os ataques contra a poboación civil cun Exército regular. Por iso non é posíbel buscar simetrias aquí, non se pode equiparar".

"Vostede condena a matanza de civís por parte de Israel, mais non quere condenar Hamás por matar civís", incide o xornalista, ao que Zomlot contesta novamente: "Cantas veces entrevistou vostede altos cargos israelitas? Centos. Cantas veces cometeu Israel crimes de guerra, en vivo, delante das vosas cámaras? E ti comezas as entrevistas preguntándolles se se condenan a si mesmos? Non, nunca o fixeches".

O diplomático palestino quixo explicar tamén por que rexeitaba responder a esa pregunta que non consideraba axeitada para iniciar a conversa televisada: "Sabe por que rexeito respondela? Porque rexeito a premisa, xa que no fondo hai unha terxiversación de todo o asunto, porque sempre se espera que os palestinos se condenen a eles mesmos. Vostede convídame aquí cando son asasinados cidadáns israelitas... Tráeme cando matan centos de palestinos?".

As imaxes dos últimos días en Israel, concluíu Zomlot, que as recoñeceu como "moi tráxicas", son "o que os palestinos viron cada día durante os últimos 50 anos". "Vostede coñece a situación de Gaza, o cárcere a ceo aberto máis grande do mundo. Estaría ben abandonarmos esta retórica e contarlle á xente a verdadeira e cruenta realidade", sentenciou.

Comentarios