A Xunta escúdase no Estado para buscar unha solución á crise en Ferrolterra

Propón un Pacto de Estado ao Goberno español, a Deputación da Coruña e aos concellos con varios eixos para impulsar a economía da comarca
Francisco Conde, conselleiro de Economía (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Francisco Conde, conselleiro de Economía (Foto: Xunta da Galiza)

A comarca de Ferrolterra leva anos sumida nunha profunda crise industrial que afecta a diversos sectores chave para a economía dos concellos que a integran. O sector naval, un dos motores económicos, non consegue remontar o voo, o que se traduce en falla de carga de traballo e recortes de persoal nas empresas auxiliares.

No resto da industria a situación non é moito mellor. Hai uns meses fechaba nas Somozas a planta de pas eólicas de Siemens-Gamesa nun caso de deslocalización empresarial. Nas Pontes, a térmica de Endesa está chamada ao fechamento, mais a eléctrica ten un plan para impulsar proxectos industriais nos terreos dos que dispón.

Porén, a Xunta, administración competente na planificación industrial, carece dun proxecto claro para esta comarca. De feito, non foi quen de aproveitar o diñeiro da UE recibido nos últimos lustros polo fechamento das minas de carbón para crear un tecido industrial que sustente a economía deste territorio.

Agora, co gallo da chegada de máis fondos europeos, a Xunta busca levar a iniciativa. Hoxe, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, e o seu conselleiro de Economía, Francisco Conde, marcaron oito eixos de actuación para un "Pacto de Estado por Ferrol", no que boa parte das solucións quedan en mans do Goberno español.

Sen facer autocrítica da situación creada pola inexistencia de políticas en materia industrial, a Xunta refírese a plans de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia, despois de ser un dos territorios que máis tardou en artellar este tipo de medidas no conxunto do Estado.

No seu documento, propón tamén reforzar actividades industriais estratéxicas como o naval (coa transformación do buque civil de transporte Galicia en Navantia), a industria enerxética, a forestal ou a alimentaria.

Polo enerxético

Nesta liña, o propio Feixoo sinalou a necesidade de crear un "polo enerxético", mais incidiu na aposta xa desbotada polos biocombustíbeis, o gas que move Reganosa, actor chave no impulso de proxectos na Galiza, o hidróxeno verde (promovido por Endesa) ou a eólica mariña, chamada a ser a gran xeradora de emprego na comarca.

Outro dos eixos propostos é dar prioridade á innovación e ao coñecemento coa potenciación do Centro de Innovación e Servizos de Tecnoloxía e Deseño (CIS Ferrol) e do Campus Industrial, un capítulo no que Galiza destaca por ser dos territorios con menor investimento na materia.

En materia de infraestruturas, Galiza, que carece dun ente ferroviario propio, exixe mellorar a liña A Coruña-Ferrol, e tamén a seguridade das estradas da zona, "especialmente o corredor Ferrol-Ortigueira", salientou Feixoo.

Por último, a proposta que vai remitir a Xunta ás administracións refírese a consolidar, ampliar e modernizar os servizos públicos docentes, sociais e sanitarios da comarca e, deste modo, din, contribuír á resolución dos seus problemas demográficos, económicos e laborais. Como destacou Conde, a idea é que así se poida beneficiar da dobre oportunidade que supón a transformación dixital e ecolóxica.

Comentarios