A Xunta evita dar explicacións sobre o ente que xestionará os fondos da UE

O director do Igape evita contestar a cuestións como os criterios de selección das empresas que conforman o organismo ou por que Abanca ten tanto peso nun ente de xestión, non de financiamento.
Fernando Guldrís, director do Igape (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Fernando Guldrís, director do Igape (Foto: Parlamento da Galiza).

Igual que fixera cos proxectos europeos, a Xunta da Galiza evita agora dar explicacións sobre a nova entidade público-privada creada co fin de impulsar os novos proxectos tractores que se financiarán con cargo aos fondos europeos de reactivación económica.

En resposta a unha pregunta oral da deputada do BNG Noa Presas na comisión parlamentaria de Economía, Facenda e Orzamentos, o director do Igape, Fernando Guldrís, evitou contestar directamente a cuestións como os criterios de elección das entidades que integran o ente público-privado e limitouse a dicir que "sería un erro non aproveitar o saber facer destas empresas".

Para Noa Presas, a constitución desta sociedade é "a última chiringuitada do Goberno de Feixoo", un "escándalo" que constitúe o "chanzo definitivo" na externalización da propia Administración Pública.

Segundo denunciou en sede parlamentaria, "unha cousa é a colaboración público-privada e outra a creación dun ente que, ademais de bloquear o debate político sobre o emprego dos fondos, substitúe as funcións do Goberno galego para darllas a un grupo de empresas que son as que van cortar o bacallau".

Falla de criterios

Coas súas preguntas, a formación nacionalista pretendía saber cales foron os criterios de selección das empresas que conforman este organismo (Abanca, Reganosa e Sogama), por que a Xunta, que controla 40% do capital, non supera o 50%, ou por que os nove integrantes do seu consello son homes.

Na súa resposta, o director do Igape aclarou que a devandita sociedade "nace co obxectivo de buscar consensos" e que está "aberta" á participación doutras entidades do país.

Segundo Guldrís, a sociedade que determinará cales das 354 iniciativas que optan a estes fondos, cun investimento total a mobilizar próximo aos 200.000 millóns de euros, desenvolverá o seu traballo "con rigor, transparencia e buscando implicar o tecido produtivo". Nada dixo dos criterios para a selección das empresas nin do peso relativo da Xunta no seu capital nin do feito de que non se cumprisen os criterios do que Presas cualificou de "Consellaría de Igualdade e postureo" para a constitución do seu consello de administración.

Tan só defendeu que do modo en que está configurada "é como se garante a optimización de recursos e a sustentabilidade de proxectos a medio e largo prazo". Após escoitar a súa resposta, Presas lamentou que a Xunta "renuncie a planear cal vai ser o futuro deste país" e que privilexie a empresas "do oligopolio", como é o caso de Naturgy ─controla 49% de Sogama─ para capitanear a transición cara a unha economía máis verde, o que, segundo criticou, constitúe un "exemplo de greenwashing e capitalismo verde" .

Por último afeou que o Executivo prescindise tamén do Consello Económico e Social para a selección de proxectos a financiar cos fondos Next Generation nun exercicio de "escurantismo" que constitúe "o colmo da desregulación", así como o feito de que Abanca teña control (posúe 38% da sociedade) nun organismo que, como lembrou, "non é investidor; é xestor".

Comentarios