mércores 30/09/20

O ferrocarril de proximidade, fóra dos plans da Xunta

Nun escenario no que as emisións dos medios de transporte están en cuestión pola súa contribución ao cambio climático, a Xunta mantén a súa aposta en fomentar o transporte por estrada mentres deixa de lado a mellora das comunicacións por vía férrea, que axudarían a mitigar a pegada ecolóxica do transporte galego. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_4_ferrocarril

A pasada semana a Xunta daba a coñecer o deseño da futura estación intermodal de Ferrol, unha infraestrutura cun investimento estimado de 40 millóns de euros que mellorará o entorno das actuais estacións, pero que pouco contribuirá á mellora da mobilidade das cidadás e cidadáns da comarca ferrolá, que seguirá a ter un tren dos menos competitivos da Galiza.

No vídeo de presentación, o propio Goberno galego recoñece que a liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol non sufriu modificacións nos últimos 107 anos e que a súa incorporación ao eixo atlántico ferroviario suporía un investimento de cando menos 800 millóns para falar dun traxecto de 25 minutos, capaz de competir en tempo e prestacións coa autoestrada AP-9, que hoxe en día é a única alternativa para cubrir en pouco máis de media hora os preto de 40 quilómetros que separan ambas cidades. Sen redución de tempos non se podería falar dunha boa intermodalidade, recoñecen desde a Xunta. Madrid acolleu o Cumio do Clima, no que o transporte foi un dos temas que se abordaron. No caso da Galiza, o debate neste eido céntrase fundamentalmente na chegada do AVE, non tanto en artellar unha rede intermodal de transporte baixa en emisións que permita cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea.

mini_4_ferrocarril

O transporte por estrada é responsábel de 26% das emisións contaminantes e 42% das de óxidos de nitróxeno. Madrid quere en 2050 un parque de turismos e vehículos comerciais libre de emisións. Para acadar este obxectivo, ten previsto elaborar unha Estratexia de Mobilidade Sostíbel, Intermodal e Conectada, na que analizará as desigualdades no acceso a modos de transporte máis limpos e mellorar a planificación e eficiencia dos investimentos.

Porén, o modelo da Xunta, igual que sucede coa vía entre a Coruña e Ferrol, non mudou co cambio de século nin ten visos de facelo. O pasado mes, o Goberno galego fiaba novamente ao transporte en autobús por estrada a mobilidade no territorio coa adxudicación dos contratos da primeira fase do seu plan, que inclúe 3.100 liñas nas que os vehículos percorrerán 61 millóns de quilómetros cada ano, máis do dobre do que viñan facendo até o de agora.

Nada se fala dun ferrocarril de proximidade ou da creación dun ente público ferroviario, proposta histórica do nacionalismo galego, que contribúa a mellorar as comunicacións entre as principais vilas galegas, aposte nun medio propulsado por electricidade e retire das estradas os buses que cobren na actualidade traxectos como A Coruña-Santiago, Santiago-Pontevedra ou Pontevedra-Vigo que son máis competitivos en tempo e ecoloxía se se fan no tren. 

Primeiro, transporte público

En declaracións a Sermos Galiza, o ex director xeral de Mobilidade da Xunta entre 2009 e 2013, enxeñeiro e profesor de Ferrocarrís na Universidade da Coruña (UDC) Miguel Rodríguez Bugarín cre  que sería un “grande erro” replicar un modelo de tren de proximidade como os de Madrid ou Barcelona. Avoga por “ser cauto e analizar a situación”. “O primeiro paso debería ser o fomento do transporte público e despois encamiñarse a medios de tracción eléctrica”, apunta. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

comentarios