Os concellos saen ao rescate do comercio ante a falla de axudas directas da Xunta

O Goberno galego non pode presumir de ter axudado aos e ás autónomas galegas con achegas directas, como fixeron o resto de territorios do Estado español. Agora son os concellos os que, á vista da falla de medidas que garantan a subsistencia destes negocios, saen ao rescate dos pequenos comercios da Galiza.
A crise causada pola pandemia provocou o feche de máis dun cento de comercios na Galiza (Foto: Arxina).
photo_camera A crise causada pola pandemia provocou o feche de máis dun cento de comercios na Galiza (Foto: Arxina).

O colectivo de traballadoras e traballadores autónomos está a ser un dos máis afectados pola crise da Covid-19. Os últimos abrochos afectaron de cheo a moitos negocios de hostalaría e ocio que, após intentar defender a súa actividade nos tribunais, piden agora axudas para sobrevivir. 

Durante todos estes meses o colectivo de autónomos da Galiza viu como noutros territorios do Estado español fluían as axudas para reducir os seus gastos correntes, por exemplo para cubrir o pago das cotas á Seguridade Social nos meses do confinamento, ou para facer fronte aos consumos ou aos alugueiros do local. Mentres, aquí a Xunta optaba polos préstamos a tipo cero, unha medida á que moitas persoas decidiron non acollerse para non aumentar un endebedamento xa de por si elevado ao que o Executivo de Núñez Feixoo non axudou a pór freo. 

Se o comercio galego sobreviviu foi grazas ás medidas que se tomaron desde algúns concellos e que están a tirar das vendas destes estabelecementos. Con todo, son moitos os negocios que quedaron polo camiño. 

Esta semana, o presidente da Federación  Galega de Comercio, José María Seijas, cifrou en máis dun cento os comercios que fecharon na Galiza desde abril por mor da pandemia e augurou que "o peor de todo é o que está pendente: moitos negocios non van poder subsistir". "A cousa está moi complicada cando aínda non nos recuperabamos da crise económica. Agora isto acábanos de rematarnos. Estivemos tres meses fechados e sen ningún tipo de ingreso e afrontando os gastos e agora mesmo están as vendas paradas", avisou Seijas.

Axudas nos concellos

Con este panorama por diante, concellos como os da Coruña, Cangas e Vilagarcía decidiron tomar a iniciativa e mobilizar os cartos da veciñanza cara á dinamización do comercio tradicional destas cidades, que é do que viven boa parte das autónomas na Galiza.

No caso da Coruña, o Concello puxo en marcha a comezos de agosto unha campaña de incentivos ao comercio, á hostalaría e á cultura dentro do plan de reactivación económica e social. "Trátase dunha campaña que mobiliza 1.670.000 euros, que chegan de forma directa ao comercio de proximidade, á hostalaría e á industria cultural da cidade, mediante a posta en marcha de bonos desconto", explican desde o Consistorio. Até o momento, 68% dos estabelecementos rexistrados son comercios, 21% negocios de hostalaría e 11% do sector cultural. Máis de 6.000 coruñesas e coruñeses descargaron xa os seus bonos por valor de 105 euros e cos que poden obter descontos de até 40% nas súas compras. 

Outra das medidas anunciadas polo Concello nos últimos días é o programa online gratuíto "Tendas a Exame", que ten como obxectivo proporcionar coñecementos sobre ferramentas dixitais para que os comercios melloren a visibilidade dos seus negocios. A Xunta aprobou unha liña de axudas similar por 1,4 millóns de euros que só cobre 80% do investimento, cofinanciado ademais cos cartos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (Feder). Novamente empréstitos no canto de axudas directas.

Tamén nos pequenos

Pero estas axudas non son exclusivas dos concellos grandes. En Cangas, o Concello tamén asume bonificacións nas compras de 20% en operacións que se realicen cunha tarxeta precargada con 25 euros pola que as persoas consumidoras só pagan 20 euros. Os cinco euros restantes saen dun fondo municipal dotado con 100.000 euros, co que facilitarán vendas por valor de medio millón de euros. 

En Vilagarcía o programa "Son da casa" leva xa meses funcionando con éxito. Dos 3.750 paquetes de bonos compra que o concello puxo en circulación, quedan pouco máis de trescentos, á parte dos que se comercializan de forma física para as persoas sen recursos o coñecementos dixitais. Os bonos teñen un prezo de vinte euros e dan dereito a consumir por valor de 30 en preto de 200 estabelecementos que, se sobreviven, será grazas aos seus veciños e veciñas. 

Comentarios