Endesa fechará a central das Pontes após certificar que non é viábel o uso de biocombustíbeis

A compañía afirma que as probas que fixo na factoría non van permitir alongar a vida útil da instalación. Alude a cuestións tanto ambientais como técnicas e económicas.
Imaxe aérea da central das Pontes. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe aérea da central das Pontes. (Foto: Europa Press)

A compañía Endesa vén de anunciar o feche da térmica das Pontes despois de comprobar que o proxecto de uso de biocombustéis mesturados con carbón que estaba a probar non ten a capacidade de prolongar o tempo de vida desta factoría. Fontes da empresa xustifican a decisión debido á sua "inviabilidade ambiental, técnica e económica", o que na práctica ben a confirmar a desaparición da actividade no complexo industrial.

Este camiño cara o fechamento iniciouse en decembro de 2019 e activouse o Plan Futur-e na procura de proxectos empresariais que se implantarán na localidade, mais as encargadas de supervisar eses estudos de iniciativas coñeceron esta terza feira o informe final negativo.

Segundo o documento, pónse de manifesto que existen "graves inconvenientes de carácter ambiental, xa que a combustión da mestura de carbón e lodos causa a emisión de mercurio en valores próximos ao límite legal permitido".

Outra dificultade insalvábel radica no elevado incremento da xeración de cinzas, que aumentarían entre un 187% e un 276%, o que implicaría producir unha tonelada de cinzas por cada tres ou catro toneladas de CO2 evitadas.

Iso significa que, só coa operación de dúas do catro grupos da central durante 3.000 horas, acumularíanse cada ano entre 76.000 e 106.000 toneladas dun subproducto que non sería admitido nos vertedoiros de residuos non perigosos, por superar os valores límite de selenio, sulfatos e carbono orgánico disolto, cun elevado incremento de metais e metaloides xerados na combustión.

No ámbito máis técnico, comprobouse "a perda de potencia de cada grupo, que dos 350 megawatts (MW) actuais baixaría a 245/260 MW, con bruscas e repentinas oscilacións de carga de até 35 MW, o que impide á central operar nos mercados secundarios".

Tamén se verificou que o combustíbel causaría a corrosión dos tubos da caldeira, e iso incrementaría o custo de mantemento da instalación. Ademais, a mestura probada degrádase durante o tempo que permanece almacenada, ocasionando unha onerosa perda operativa e económica.

O factor económico

A terceira pata que leva a esta negativa a seguir esta posíbel vía industrial é a económica, pois os cálculos "tampouco avalan a continuidade da central térmica mesturando carbón con lodos de depuradora, porque o megawatt hora (MWh) xerado deste xeito custaría ao redor de 65 euros, similar para ambas as variantes de mix de carbón, co que resultaría 15 euros -un 30%- máis caro que o producido nunha central de ciclo combinado de gas natural".

Con este custo de operación, a térmica é inviable ao quedar fose do mercado eléctrico, no que se prevé para 2021 un prezo de 47,3 euros por MWh. Neste sentido, Endesa indicou que a adaptación da instalación á nova situación requiriría así mesmo un elevado investimento e uns altos custos fixos, co que a destrución de caixa estimada ascendería a 625 millóns de euros en dez anos de actividade da central.

Outras posibilidades

En previsión dun resultado adverso das probas, Endesa avanzara no deseño do Plan Futur-e das Pontes, un proxecto de actuacións para atenuar o impacto da diminución de actividade da central, destinado a promover o desenvolvemento de actividades económicas e xeración de emprego na zona.

A compañía subliñou que esta proposta se acha aberta a incluír de maneira flexible novas iniciativas viables que poidan proporse en diante para conseguir o desenvolvemento da contorna da central, sumando os seus esforzos ás iniciativas e ao liderado das Administracións Públicas.

O BNG foi dos primeiros partidos en reaccionar a esta situación pedindo ao Goberno do Estado español e á Xunta que actúen de forma "coordinada e decidida" para buscar un proxecto alternativo que non acabe cunha nova industria na comarca de Ferrolterra.

Comentarios