O BNG reclama no Congreso un plan industrial para a comarca de Ferrol

Propón crear unha mesa que  promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, para o que esixe tamén unha maior implicación por parte das Administracións.
Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol
photo_camera Estaleiros de Navantia na ría de Ferrol

O BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, vén de presentar no Congreso das Deputadas unha Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama eliminar todas as actuais trabas e restricións á construción naval civil, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa unha implicación maior por parte das Administracións.

"Hai que facilitar a participación da Xunta da Galiza no consello de administración de Navantia e constituír unha mesa de ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros da ría" expón o deputado do BNG, que lembra que se trata dunha posibilidade prevista tanto no artigo 55 do Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.

Nesta liña, Rego destaca que o plan industrial para a comarca de Ferrol é "unha promesa incumprida dos distintos gobernos do Estado español" que ten fácil solución: "Débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol", insistiu o deputado nacionalista. 

Eólica mariña

Un dos eixos dese plan consistiría en potenciar a participación de Navantia no sector da eólica mariña flotante "con recursos propios ou manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade".

Así mesmo, Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e recursos propios para a definición de novos produtos "destinados ao sector das enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña, en particular".

Neste senso, propón tamén introducir a fábrica de turbinas naqueles segmentos de actividade "relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima" así como promover e procurar "colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.

Modernización de infraestruturas

Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade de "concretar un plan de investimentos destinados á modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a súa posíbel reparación", o que permitiría atender tarefas de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, algo que é imposíbel co dique actual. 

Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por ano durante os últimos 10 anos.

Por iso desde o BNG destacan que "acometer as obras para un novo dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o tempo en que se manteña a ocupación do dique".

Comentarios