Ferrolterra prepárase para a folga xeral mentres espera a que a Xunta actúe

Ferrolterra, Eume e Ortegal prepáranse para unha folga xeral o próximo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. 

Concentración de traballadoras e traballadores de Navantia en Ferrol o pasado 19 de novembro (Nós Diario)
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadores de Navantia en Ferrol o pasado 19 de novembro (Nós Diario)

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal prepáranse para unha folga xeral o vindeiro 10 de marzo, unha data sinalada no calendario sindical por tratarse do Día da Clase Obreira Galega, unha efeméride que lembra a de 1972, que custou a vida a dous traballadores da antiga Bazán que loitaban por salvar a industria.

Case cincuenta anos despois, a situación laboral na comarca de Ferrolterra non é moito mellor que entón. Navantia está a piques de quedar sen carga de traballo e as fragatas F-110 da Armada española poderían non garantir novos empregos até 2023. A eólica mariña é a única capaz de asegurar algo de traballo nos estaleiros públicos, que ameazan con deixar no dique preto de 4.000 traballadores e traballadoras da principal e das auxiliares. 

Para CCOO a carga de traballo é única saída que ten a comarca a nivel laboral. O secretario xeral de Industria, Víctor Ledo, advirte que "cando se remate o buque actual non quedará case ningunha actividade e non hai ningunha perspectiva para eles máis alá dos encargos da eólica mariña". 

Esta realidade provoca un efecto dominó noutros sectores. Segundo recoñece a Nós Diario o secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, "día si, día tamén fechan negocios na comarca". "Non é cuestión dos traballadores dunha empresa, senón que aínda que alguén poida ter traballo, ten familiares sen emprego", apunta.

A folga, inicialmente convocada pola CIG, UXT e CCOO para o 25 de febreiro pero mudada de data pola negativa evolución da pandemia da Covid-19, terá un amplo seguimento. "Estamos a traballar para que sexa un éxito", sinala Grandal, que explica que xa mantiveron reunións cos empresarios, aínda que "a chave" está no traballo sindical que se realiza nas asembleas. 

Perda de poboación

A sociedade de Ferrolterra, Eume e Ortegal está concienciada. Non xa pola difícil situación do naval, senón polas últimas baixas na industria local, como o anunciado feche da central das Pontes (con impactos no porto e nos transportistas), a marcha de Siemens-Gamesa nas Somozas ou a crise de Galiza Téxtil. 

O impacto da crise está a golpear con dureza á zona. De feito, en 2020 tanto Ferrol, que xa levaba varios anos en negativo, como a veciña Narón perderon poboación, unha tendencia contraria á marcada polas principais localidades do país. "A perda de poboación é terríbel  e o envellecemento da poboación, maior que noutras zonas. A xente moza, sen alternativa, vese obrigada a emigrar", relata Grandal.

Solución política

Os fondos europeos, que a Xunta vende como solución, non parecen ser a panacea. "Pode haber fondos para modernizar o estaleiro, pero non hai vontade de facelo", exemplifican.

A Xunta ten moito que dicir, sinalan os convocantes, xa que ten competencias en materia de industria. O problema, destacan, é que "a política neoliberal do señor Feixoo baséase en que as grandes multinacionais veñan aquí, exploten os nosos recursos e máis do mesmo". "Se non hai unhas solucións inmediatas á industria isto vai morrer. Non hai alternativa", advirten. 

Comentarios