Así é o 'plan B' de Endesa para As Pontes

Endesa, unha vez desbotada a opción dos biocombustíbeis, continúa co seu plan para a implantación de novos proxectos industriais nas Pontes e de formación ao persoal interesado en participar nos traballos de derruba da central térmica, que terán unha duración aproximada de catro anos.
Mobilización de traballadores e traballadoras da central térmica das Pontes e das auxiliares ante a Delegación do Goberno (Foto: CIG)
photo_camera Mobilización de traballadores e traballadoras da central térmica das Pontes e das auxiliares ante a Delegación do Goberno (Foto: CIG)

Esta semana, Endesa deu carpetazo ao seu plan para seguir producindo enerxía na central térmica das Pontes con biocombustíbeis. Esta vía, que a empresa explorara após a presión de Xunta, Goberno español e o propio Concello das Pontes, foi desbotada pola eléctrica pola súa inviabilidade técnica, económica e medioambiental

A decisión de seguir adiante co fechamento da central cerrou a porta a estas administracións de colgar a medalla de ter salvado a industria nunha comarca na que os plans industriais brillan pola súa ausencia.

Ao contrario que a Xunta e o Goberno español, Endesa tiña un "plan B" para o suposto de que as probas con biocombustíbeis non prosperasen, como finalmente así foi, no que traballaba "simultaneamente", segundo indican desde a propia empresa.

Ese plan baséase en dous eixos. O primeiro deles é a formación. Segundo explican a Nós Diario fontes da compañía, Endesa fará convocatorias de cursos específicos de demolición de centrais térmicas e de montaxe e operación de instalacións renovábeis.

Eses cursos, que xa se están a pór en marcha na contorna de Compostilla (León), onde Endesa fechou hai un ano unha das súas centrais térmicas de carbón, serán de 50 prazas en cada convocatoria e abertos ao público en xeral, mais na inscrición terán preferencia os traballadores e traballadoras das empresas contratistas, as persoas residentes na contorna da central e as mulleres. 

Este mesmo sistema, que está a ter unha grande acollida (arredor de 200 solicitudes por curso nos catro que levan realizados) é o que Endesa pensa replicar nas Pontes. 

Ademais, apunta que as persoas que participen nesa formación, sempre que reúnan as condicións, adquirirán dereito preferente para participar nos traballos de demolición da central, cunha duración estimada de 4 anos e que xerarán uns 130 postos de traballo directos.

Concurso internacional

A outra das patas do "plan B" de Endesa é o aproveitamento da superficie industrial nas Pontes para o desenvolvemento de novos proxectos industriais, que poderían beneficiarse dos fondos europeos, a través dun concurso internacional para o que xa estivo na procura de candidatos na contorna da central.

No caso de Compostilla, no que tamén se seguiu este procedemento, presentáronse un total de 31 proxectos dos que, ao final, Endesa seleccionou cinco. Entre eles, figuraban un proxecto ligado á automoción, outro á transformación de materiais e outro dun emprendedor que promovía unha planta de hidróxeno e no que finalmente Endesa decidiu "implicarse directamente". A adxudicación dos terreos para desenvolvelos realizarase o vindeiro mes de abril, apuntan desde a eléctrica.

Á marxe destes proxectos, Endesa impulsa pola súa conta dous máis: unha planta de reciclaxe de pas eólicas e unha planta de reciclaxe de baterías de coches eléctricos para as que solicitaron fondos europeos.

A idea da multinacional, como avanzou após anunciar que continuaba co proceso de fechamento da térmica das Pontes, é non prescindir de ningún traballador nin traballadora. Algúns foron recolocados noutras instalacións do grupo, pero o acordo asinado cos sindicatos contempla un dereito preferente para traballar nos novos proxectos que se desenvolvan nun futuro nas Pontes.

Protesta na Coruña

Pola súa banda, os traballadores da central térmica das Pontes e das empresas auxiliares, que onte se manifestaron na Coruña ante a Delegación do Goberno para exixir á Xunta e ao Estado español que garantan o futuro industrial nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, insisten no "plan A", de queimar biocombustíbeis na térmica.

En declaracións a Nós Diario, o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, sinalou que a aposta polo mantemento dos postos de traballo tanto na principal como nas auxiliares "ten que levar a paralizar o proxecto de feche e desmantelamento. Non pode ser doutro modo até que teñamos eses proxectos enriba da mesa e saibamos cal vai ser o futuro".

"Estamos na mentira e no futuríbel. Nós o que queremos son cousas concretas. Hai un montón de alternativas, pero nós a día de hoxe eses proxectos non os coñecemos. No momento en que as teñamos poderemos valoralas", apuntou o representante sindical, que tamén pediu o "compromiso" das Administración de que non vai haber "megavatios de futuro" para aqueles proxectos de Endesa que non invistan nas Pontes.

Pola súa banda, José Hurtado (CCOO) afirmou que "o que non é de recibo é que Endesa emita un informe unilateralmente dicindo que non son viábeis as probas", unha postura que comparte Nicasio Pena (UXT). Ambos apostan pola queima de lodos de depuradora e puríns con carbón ou gas natural para manter activos os grupos 1 e 2 da central. "O 3 e o 4 sabemos que non van funcionar nunca máis. Por iso pedimos que se axilicen os prazos para o seu desmantelamento mentres seguen operando o 1 e 2, e así os traballadores das auxiliares non teñan que ir ao paro". 

Polo pronto, na vindeira quinta feira vaise reunir a Mesa de Transición para avaliar e coordinar as actuacións ante a decisión de Endesa de fechar a térmica, e na terza feira fará o propio o comité técnico, segundo lles trasladou a subdelegada do Goberno aos representantes sindicais na xuntanza que mantiveron onte.

Comentarios