domingo 09/05/21

As auxiliares de Navantia prescinden duns 1.500 operarios pola falta de carga de traballo

Mobilización do naval esta cuarta feira.
Navantia. Europa Press
Navantia. Europa Press

O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey (CCOO) cifrou  "nuns 1.500" os traballadores das compañías auxiliares que deixaron o estaleiro debido á falta de carga de traballo, unha vez se completaron as tarefas que cada unha das compañías tiña encomendadas na construción do buque AOR para a Armada de Australia.

Esta cuarta feira os empregados públicos e de auxiliares realizaron unha manifestación para reclamar carga de traballo. CIG, CCOO e UXT convocaron esta protesta para reclamar ao Goberno central e á Xunta solucións para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Ante os medios de comunicación, García Juanatey detallou que a Armada de Australia chegou a un acordo con Navantia para que o segundo buque do tipo  AOR, que se está finalizando en Ferrol, "permaneza aquí un mes máis". Así,  zarpará, "probabelmente, a finais de maio, para poder facer traballos que se terían que facer en Australia, e que supón o poder prolongar unha semanas máis os traballos para uns 200 traballadores", detallou.

No caso do estaleiro de Fene, dedicado agora ao ámbito das estruturas da eólica mariña, "vai haber moito traballo, co proxecto de  Saint- Brieuc (Francia), o máis grande xamais realizado aquí", polo que "tamén hai posibilidades de futuro".

comentarios