A inflación ascendeu en agosto na Galiza até 11%, medio punto porcentual máis que a media estatal

A inflación subxacente alcanzou novamente o seu valor máis alto desde 1993.
Imaxe de arquivo dun supermercado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Imaxe de arquivo dun supermercado. (Foto: Nós Diario)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu tres décimas en agosto en relación ao mes anterior, pero moderou a súa taxa interanual tres décimas, até 10,5%, despois de alcanzar o pasado mes o seu nivel máis alto desde setembro de 1984., segundo os datos definitivos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

No caso da Galiza, a inflación ascendeu até 11%, medio punto porcentual máis que a media estatal. O dato supón unha leve melloría con respecto ao de xullo deste ano, cando o IPC subiu até 11,5% en comparación ao mesmo mes de 2021, o maior rexistro en 40 anos.

Coa moderación de tres décimas rexistrada polo IPC interanual en agosto, a inflación acaba cunha tendencia de tres meses consecutivos de ascensos na súa taxa interanual: en maio escalou até 8,7%; en xuño superou os temidos dous díxitos (10,2%) e en xullo disparouse até 10,8%. Agosto é, por tanto, o terceiro mes consecutivo no que a inflación supera as dúas cifras.

Baixada dos prezos dos carburantes

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 10,5% débese, principalmente, á baixada dos prezos dos carburantes. De feito, o grupo de transporte moderou máis de 4,5 puntos a súa taxa interanual, até 11,5%, debido ao abaratamento das gasolinas e lubricantes.

Por contra, en agosto subiron os prezos da electricidade e dos alimentos. Estes últimos rexistraron en agosto unha subida interanual de 13,8%, tres décimas superior á de xullo e a máis alta desde o comezo da serie, en xaneiro de 1994. Destaca, especialmente, o encarecemento da carne, o pan e os cereais e o leite, o queixo e os ovos.

No grupo de vivenda, a taxa interanual aumentou case dous puntos en agosto respecto ao mes anterior, até 24,8%, pola subida dos prezos da electricidade, maior que a rexistrada un ano antes.

Electricidade

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en agosto 11,2%, sete décimas por enriba da taxa xeral de 10,2%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

No último ano, a calefacción, a iluminación e a distribución de auga encarecéronse 47,2%; os aceites e graxas elevaron os seus prezos 24%; os ovos son 22,4% máis caros; o leite custa 25,6% máis, e os cereais, 21,7% máis.

Novo record da inflación subxacente

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) aumentou en agosto tres décimas, até 6,4%, o seu valor máis alto desde xaneiro de 1993. Deste xeito, a subxacente sitúase máis de 4 puntos por baixo da taxa do IPC xeral.

No oitavo mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa interanual en 10,5%, dúas décimas inferior á rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCA rexistra un incremento de tres décimas.

Comentarios