O aumento do prezo de bens básicos é na Galiza 200% superior á suba dos salarios

A inflación concéntrase en produtos de primeira necesidade.

grafico-web
photo_camera O incremento de prezos nestes meses deixa unha pegada clara en varios dos produtos do cesto da compra. (Gráfico: A. R)

A fenda entre a inflación e os salarios alárgase cada día máis na Galiza. Se ben o primeiro semestre de ano deixaba un bo dato salarial na Galiza, cunha revalorización salarial que se situou en 5,7%, 3,2 puntos máis que no Estado español; a inflación axiña derramou unha xerra de auga fría: 11,5% en xullo, porcentaxe tamén superior á media no Estado, 10,4%, un punto menos.

Así o aumento dos prezos no que vai de ano prodúcese a un ritmo moi superior (máis de 200%) ao dos salarios, unha situación que non presenta visos de variar nos seguintes meses, tal e como advirten analistas e expertos. A propia Organización para a cooperación e o desenvolvemento económicos (OCDE) prevé que o español sexa o Estado, após Grecia, onde máis poder adquisitivo vaian perder os traballadores e traballadoras, perto de 5%.

O economista Manuel González sinala a Nós Diario que a suba dos prezos en produtos básicos e de primeira necesidade —cesto da compra, enerxía...— vai deixar pegada "máis aló do curto prazo", pois estase a producir unha desvalorización salarial que "non vai ser doada de corrixir".

Incrementos sen produtores

O aumento do cesto da compra no que vai de ano na Galiza deixa subas máis que considerábeis en produtos como os ovos (25,4%), patacas (23%), leite (15%), pan (10%), froita fresca (10%) ou legumes e hortalizas (6%). Mais isto non debe levar a pensar en que hai unha translación automática dese incremento ao peto dos produtores e produtoras. 

"A xente que non pense que con isto nos estamos a facer ricos!", afirma a este medio Xosé Rial, rañeiro —mariscador desde embarcación— na ría de Arousa. Segundo os propios datos de Índices de Prezos ao Consumo (IPC) do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e xullo —último mes computado nas estatísticas oficiais—crustáceos e moluscos subiron o seu prezo en case 10%. 

"Eu, desde logo, non gaño 10% máis que antes", afirma o mariscador. Recoñece que o seu produto na lonxa (ameixa e berberecho) págase mellor que en 2021, "un pouco mellor, non tanto", mais que son outros elos da cadea "os que fican con máis cartos" no marcom da tendencia alcista. E, engade Rial, "o que podía estar gañando de máis non me dá nin para cubrir o que perdo pola suba do combustíbel, que nos está a afogar xa desde finais do ano pasado".

 Cereais e pastas incrementaron o seu prezo na Galiza por riba de 14% no primeiro caso e de 20% no segundo. Os produtos lácteos (manteiga, iogur...) subiron en sete meses máis de 12% e até o café e as infusións implicaban en xullo pagar 9% máis por metelas no cesto da compra que en xaneiro.

"En decembro seremos máis pobres que agora"

"Somos máis pobres agora que en xaneiro e todo apunta a que o seremos máis en decembro que agora", considera Manuel González. Neste sentido, as centrais sindicais (CIG, CCOO e UXT) xa advertiron dun outono de mobilizacións perante as consecuencias da crise para a clase traballadora.

Díaz e Garzón piden ás distribuidoras limitar os prezos

A vicepresidenta do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o ministro de Consumo, Alberto Garzón, expuxeron onte ás grandes distribuidoras que "teñen marxe" para limitar os prezos do cesto da compra até despois de Nadal e "protexer" así as familias do impacto da inflación. Así o explicaron ambos os dous na rolda de prensa posterior ao encontro cos directivos de Carrefour -que tamén onte anunciou que os seus clientes poderán ter unha cesta con 30 produtos a un prezo fixo de 30 euros-.

"A formulación que fixemos é a necesidade de que as grandes distribuidoras cheguen a un acordo para ser capaces entre elas de contribuír a través das súas marxes, que teñen capacidade para iso, a facilitar unha compra alcanzábel e de calidade para as familias", explicou Díaz.

Comentarios