Sen carne, peixe e leite pero con zumes e chocolate branco: Así é a primeira 'cesta da compra' a "prezos limitados"

A vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, anunciou a semana pasada esta medida, que só afectaría as grandes distribuidoras e non o pequeno comercio.
Verduras e froitas tampouco entrarán nesta lista de produtos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Verduras e froitas tampouco entrarán nesta lista de produtos. (Foto: Europa Press)

A empresa de distribución francesa Carrefour anunciou esta segunda feira a lista de produtos que formarán parte da súa 'cesta da compra’ a “prezos limitados”. Trátase dunha medida adiantada a pasada semana pola vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Precisamente, Díaz, xunto ao titular de Consumo, Alberto Garzón, mantivo un encontro o pasado 8 de setembro co director executivo de Carrefour no Estado español, Alexandre de Palmas, co propósito de analizar a 'cesta da compra' de produtos básicos proposta pola cadea de supermercados para paliar o aumento dos prezos —30 produtos a 30 euros—, unha medida que Díaz pediu trasladar ao resto de distribuidoras.

Neste sentido, a compañía fixo pública unha lista definitiva de produtos, que permanecerán co seu prezo ‘conxelado’ até o vindeiro 8 de xaneiro, na que destacan a ausencia de “produtos frescos” como a carne, o peixe, o leite e os ovos, entre outros, pero na que as persoas consumidoras si poderán atopar, por exemplo, zumes e chocolate branco.

A empresa francesa asegura na súa paxina web que “os produtos que forman parte desta lista están presentes en calquera despensa”. Carrefour xa adiantara a semana pasada que non incluiría “produtos frescos” como os mencionados ou froitas e verduras porque son os que sofren maiores variacións de prezo.

Lista de produtos

A lista de produtos anunciada por Carrefour inclúe como “produtos frescos” o pan de molde (0,85 euros) e pan de hamburguesa (0,85 euros).

En canto aos produtos de despensa, a compañía incluíu os seguintes: atún en aceite de xirasol (0,68 euros), aceite de xirasol (2,54), marmelada (0,69), sal mariño (0,25), fariña de trigo (0,72), vinagre de viño branco (0,55), flocos de avea (0,65), espirais vexetais (0,88), caldo de polo (0,75), chícharos en lata (0,63), champiñóns en lata (1,06), tarros de pemento do piquillo (0,94), galletas (1,31), té de limón (0,71), café moído (1,35), cereais de millo (1,09 euros), millo en lata (0,75), albóndegas en salsa (1,09), chocolate branco (0,55) e zume (0,86).

Nos produtos específicos de perfumaría e hixiene, Carrefour incluíu dentífrico (0,68), xel de ducha (0,95), papel hixiénico (1,79) e compresas ultra finas (0,80).

Por último, nos produtos de limpeza e fogar, os que entran nesta lista da compra ‘conxelada’ son o lavalouzas a man (0,85), o deterxente a man (1,99), o limpiacristais (0,99) e a lixivia (0,99).

Comentarios