A Galiza alcanza o seu nivel máis alto de inflación das últimas catro décadas

A suba de prezos na economía galega sitúase por riba da media estatal.
Os custos derivados da vivenda subiron 28,1% na Galiza durante o mes de xullo, até cinco puntos por riba da suba a nivel estatal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os custos derivados da vivenda subiron 28,1% na Galiza durante o mes de xullo, até cinco puntos por riba da suba a nivel estatal (Foto: Nós Diario).

A inflación na Galiza aumentou en xullo até 11,5% en comparación ao mesmo mes de 2021, o maior rexistro en 40 anos, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A suba do IPC galego superou o da media do Estado, de 10,8%, que tamén marcou o récord en catro décadas, en 0,7 puntos. Así, o IPC só foi superior en Castela-A Mancha (13,2%), Castela e León (12%) e A Rioxa (11,7%). 

Deste modo, a economía galega continúa coa escalada de prezos, que aumentou 0,4% respecto de xuño, a suba máis acusada do conxunto do Estado español, onde de media, no mesmo período, os prezos caeron 0,3%. A inflación na Galiza foi liderada polos custos da vivenda (28,1%, cinco puntos máis que no Estado), transporte (15,9%) e alimentos e bebidas non alcólicas (12,8%). 

Na media do ano, entre xaneiro e xullo, o aumento do IPC é de 6,5%, co transporte á cabeza do ascenso (13,3%). Na comparativa entre xuño e xullo, a maior suba é a dos custos derivados da vivenda (2,7%), polo encarecemento da electricidade e do gas. 

O economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Bernardo Valdês, en declaracións a Nós Diario, sinala que "os novos datos marcan unha tendencia que vén xa de hai algún tempo e que é previa inclusive ao conflito en Ucraína". "Aínda que igual o pico que temos agora pode caer lixeiramente no futuro, parece que se vai manter un incremento de prezos elevado", explica. 

Valdês advirte de que "estamos vendo unha perda de poder adquisitivo e un empobrecemento moi grande, especialmente nas capas máis desfavorecidas, cando xa partíamos dunha situación con elevados niveis de pobreza e dunha porcentaxe importante de fogares con dificultades para chegar a final de mes". 

"A responsabilidade da inflación moitas veces é achacada aos salarios, cando está moi claro que neste caso as retribucións laborais non teñen nada que ver coa suba de prezos que se está producindo", remarca Valdês. 

"Ao contrario, as que están pagando fundamentalmente este incremento de prezos son as rendas salariais que teñen unha escasa capacidade para negociar as retribucións e conseguir unha suba similar á que experimentan os prezos", concluíu.

Tamén en declaracións a este xornal, a economista da USC, María Cadaval, subliña, con respecto ao comportamento diferenciado da inflación na Galiza, que "hai unha cuestión rechamante que tira á alza dos prezos non só con respecto ao mes de xuño senón tamén na inflación interanual baseada nos custos derivados da vivenda, que inclúen a electricidade e os combustíbeis". "É rechamante que precisamente os prezos da electricidade estean por riba na Galiza do que a nivel estatal, pois somos un país exportador deste ben", resaltou Cadaval.

Para a economista da USC, "o máis grave é a inflación subxacente, a que deixa fóra factores que podemos chamar estacionais". "Cando temos un incremento tan importante da inflación subxacente é que realmente a suba de prezos xa contaxiou a medula da economía, e isto é o que explica o incremento tan considerábel nos alimentos e nas bebidas non alcólicas", explica, ao tempo que alerta das consecuencias para a clase traballadora galega, xa que ten "unhas rendas máis baixas que as da media do Estado".

Beneficios para as grandes empresas e problemas nas pemes

A inflación xera unha situación diversa para as empresas, dependendo do seu sector e do seu tamaño. "Estamos vendo como esta situación está sendo aproveitada por algunhas empresas que están facendo o seu agosto, estes días mesmo vimos a publicación de resultados por parte dalgunha das eléctricas incrementando notabelmente os beneficios", explica Bernardo Valdês.

"Son empresas, como os bancos, que teñen capacidade para sacar rédito da súa situación de dominio do mercado e para aproveitar a situación inflacionista co fin de incrementar os prezos de venda dos seus produtos", acrecenta o economista.

Porén, a situación é diferente para as pemes, "moito máis complexa, porque lles é moito máis difícil repercutir nos prezos de venda o incremento de custos", sinala Valdês.

Comentarios