O INE confirma o nivel de inflación máis alto desde 1984: os prezos de vivenda e alimentos dispáranse e encabezan a suba

A suba do IPC é máis aguda na Galiza, que supera en sete décimas a media estatal, marcada polo incremento dos prezos da alimentación e a vivenda, que xa é 28% máis cara que un ano atrás.

Imaxe de arquivo dun supermercado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alimentos e bebidas non alcólicas subiron 13,5% no último ano. (Foto: Nós Diario)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) caeu no conxunto do Estado español 0,3% en xullo en relación ao mes anterior, aínda que disparou a súa taxa interanual até 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984 e seis décimas por riba da marca rexistrada en xuño, segundo os datos definitivos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O organismo confirma así o dato que avanzou a finais do mes pasado, aínda que elevou unha décima o aumento mensual adiantado. Coa repunta de xullo, a inflación encadea dous meses consecutivos por riba de 10%, logo de ficar en xuño en 10,2%.

Segundo o INE, a escalada do IPC interanual até 10,8% en xullo débese, principalmente, á suba do prezo da vivenda, até 23%, por mor dos prezos da electricidade, o vestido e calzado, cunha variación anual de 5%, e aos alimentos e bebidas non alcólicas, que sitúan a súa taxa en 13,5%, a máis alta desde o comezo da serie, en xaneiro de 1994.

Pola súa parte, os prezos dos transportes caeron tres puntos en comparación cos datos de xuño, até 16,2%, debido ao descenso do prezo os carburantes.

A subxacente repunta até 6,1%

A inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— aumentou en xullo seis décimas, até 6,1%, o seu valor máis alto desde xaneiro de 1993.

No sétimo mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 10,7%, sete décimas por riba dos datos de xuño. A variación mensual do IPCA mostrou un descenso de 0,6%, segundo os mesmos datos do INE.

A Galiza, á cabeza

A inflación na Galiza supera a da media do Estado e sobe até 11,5%, tamén o maior rexistro das últimas catro décadas. O incremento do IPC na comparativa interanual só é superior en Castela-A Mancha (13,2%), Castela e León (12%) e A Rioxa (11,7%), e idéntico ao galego en Estremadura.

No país, aliás, a inflación lidérana o prezo da vivenda (28,1%, cinco puntos máis que no Estado), transporte (15,9%) e alimentos e bebidas non alcólicas (12,8%).

Comentarios