A inflación segue por riba dos dous díxitos, encabezada polo aumento dos prezos da luz e os alimentos

O IPC modera en agosto a súa taxa interanual mais continúa en niveis elevados no Estado español, cun dato de 10,4% que é catro décimas inferior ao de xullo.
En agosto seguiron medrando os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera En agosto seguiron medrando os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu unha décima en agosto en relación ao mes anterior, mais moderou a súa taxa interanual catro décimas, até 10,4%, ficando en niveis nunca vistos desde hai máis de 30 anos no Estado español, segundo os datos avanzados publicados nesta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O dato de agosto, que deberá ser confirmado por Estatística a mediados do mes que vén, é catro décimas inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando o IPC ascendeu a 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984.

Con esta moderación de catro décimas, a inflación acaba cunha tendencia de tres meses consecutivos de ascensos na súa taxa interanual: en maio escalou até 8,7%; en xuño, superou os dous díxitos (10,2%), e en xullo, disparouse até 10,8%.

O presente mes é, por tanto, o terceiro consecutivo no que a inflación supera as dúas cifras. Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 10,4% débese, principalmente, á baixada dos prezos dos carburantes e, en menor medida, dos combustíbeis líquidos.

Pola contra, en agosto incrementáronse os prezos da electricidade —que se atopan en máximos desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica'—, dos alimentos, da restauración e dos paquetes turísticos, entre outros.

En termos mensuais —agosto sobre xullo—, o IPC rexistrou en agosto unha repunta dunha décima, fronte ao retroceso de tres décimas experimentado en xullo e o avance de 0,5% dun ano antes.

Sobe tres décimas a inflación subxacente

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que aumentou en agosto tres décimas, até 6,4%, o seu valor máis alto desde xaneiro de 1993.

Deste modo, a subxacente fica catro puntos por baixo da taxa do IPC xeral. No oitavo mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 10,3%, catro décimas inferior á rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH rexistra un incremento dunha décima. O INE publicará os datos definitivos do IPC de agosto o próximo 13 de setembro.

Comentarios