Preocupación pola inflación subxacente, en máximos desde 1995

O dato avanzado do IPC de maio sitúa a inflación subxacente en 4,9% en taxa interanual.
Posto de alimentación no mercado de Compostela (Arxina)
photo_camera Posto de alimentación no mercado de Compostela. (Foto: Arxina)

O Instituto Nacional de Estatística publicou onte o dato avanzado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de maio, que situou a súa taxa interanual en 8,7%, catro décimas máis que en abril. 

Detrás desta forte incremento están os altos prezos dos combustíbeis ─tocando semana tras semana máximos históricos─ e os alimentos, en parte polos problemas e subministración derivados da guerra en Ucraína. O dato positivo é que baixan os prezos da electricidade, un dos compoñentes que estaba a tirar á alza da inflación.

Con todo, pese a suba de maio ─pendente de confirmar─, o IPC está aínda 1,1 por baixo do pico de marzo, cando chegou a alcanzar 9,8%, a súa taxa máis alta en case 37 anos.

Porén, hai un dato que comeza a preocupar as persoas expertas, e é o da estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados e produtos enerxéticos, os compoñentes máis volátiles), que aumentou medio punto en maio, até 4,9%, o seu valor máis alto desde o mes de outubro de 1995.

Este indicador dá mostras de que, á marxe das alzas de luz e carburantes, os prezos dos demais bens e servizos están a consolidar tamén as súas respectivas subas, o que inflúe na capacidade de compra das familias, cada vez máis reducida.

Freo da economía galega 

Este escenario de prezos altos está a detraer o consumo, o que contribúe á súa vez a que o crecemento da economía sexa menos vigoroso.

Iso é o que está a acontecer na Galiza. O Indicador Abanca-Foro de conxuntura económica rexistrou no mes de marzo un incremento interanual de 2%.

Segundo explica o Foro Económico da Galiza nun comunicado, este crecemento persiste na redución no ritmo de recuperación da actividade económica no país, iniciado en novembro do ano pasado.

O dato de marzo, do mesmo modo que todo o primeiro trimestre do ano, mostra como os atrancos motivados pola falta de subministracións e a alza dos prezos nas materias primas están a pasar factura ao conxunto da economía galega.

O Foro Económico apunta que, no que respecta a a evolución individual das variábeis recollidas no indicador, igual que acontecera en meses anteriores, destaca o comportamento do sector turístico (viaxeiros e transportes de pasaxeiros), con crecementos interanuais superiores a 50%. Pola contra, a cifra de negocios na industria sofre un retroceso significativo, de máis de 30%.

Comentarios