28-M

Ana Pontón fai un chamamento a ir votar para "elixir os mellores gobernos municipais"

Pontón e a candidata á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin, comezaron a xornada de reflexión participando nun almorzo con amizades e membros da candidatura de Santiago.
Ana Pontón  e a candidata á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin comezaron a xornada participando nun almorzo con amizades e membros da  candidatura de Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e a candidata á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin comezaron a xornada participando nun almorzo con amizades e membros da candidatura de Santiago (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento este sábado á poboación para que acuda a votar este domingo para "elixir os mellores gobernos municipais", á vez que confiou nunha "gran participación" nos comicios.

No día de reflexión, Ana Pontón e a candidata á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartin, comezaron a xornada participando nun almorzo con amizades e membros da candidatura de Santiago.

Tras unha campaña que Pontón cualificou de "ilusionante", a nacionalista incidiu na importancia "dunha gran participación das veciñas e dos veciños", porque é a cidadanía a que "ten o poder de decidir".

Canta máis participación "mellor irá á Galiza", dixo Ana Pontón, que destacou que esta é "a esencia da democracia", a expresión da vontade popular nas urnas.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín tamén fixo un chamamento a que a xente reflexione "porque todos os votos son decisivos e é moi importante que as eleccións sexan para conformar, a partir do 28 de maio, o mellor goberno para Santiago de Compostela".

Tras o almorzo, a candidata nacionalista participou na visita á exposición dos '50 anos de Fuxan Vos Ventos' acompañada pola candidatura do BNG e guiada por Tereixa Novo, compoñente histórica do grupo.

Durante a xornada de reflexión, Sanmartín tamén asistirá a diversas actividades no Barrio Xardín e na Praza 8 de Marzo para dedicar o resto do día á familia e amizades.

Ana Pontón, ademais, realizará nunha excursión organizada polo centro escolar ao que acode a súa filla.

Comentarios