Pontón augura un resultado ‘espectacular’ do BNG nas eleccións locais

A voceira nacional, Ana Pontón, partillou este domingo acto electoral coa alcaldesa de Moaña,  Leticia Santos, onde chamou a mobilizarse nesta recta final de campaña “porque non vale confiarse”.

MOAÑA_BNG__4
photo_camera A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e Ana Pontón no acto do BNG en Moaña. (Foto:Nós Diario).

Os nacionalistas saben que o seu grande inimigo nesta campaña é a abstención e a baixa participación, por iso a súa portavoz nacional centrou o seu acto político en Moaña animando a participación e a mobilización do seu electorado.

Pontón instou a unha participación masiva, para “encher as urnas de papeletas do BNG para darlle esperanza, ilusión e futuro deixando atrás ao PP e as súas políticas que  fan Galiza máis pequena”.

A dirixente do BNG indicou que “é o momento de abrir un tempo novo e fronte a un Partido Popular esgotado que xa é pasado, o BNG representa e o presente e o futuro, desde a confianza nas nosas propias forzas”.

‘Galiza na cabeza e no corazón’

A líder nacionalista insistiu que o BNG “é a papeleta das persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren máis para os seus concellos” e puxo en valor “o modelo municipal de éxito” da súa formación.

Pontón reclamou o voto para a súa organización, “porque a mellor política municipal de Galiza é a que fan os Gobernos do Bloque, sinónimo de prestixio, de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, con solucións de vangarda aos grandes retos que están sobre a mesa, son concellos eficaces na xestión e que logran dinamismo no económico, no social e no cultural”.

A voceira do BNG amosouse convencida dun resultado “espectacular” para a súa formación nos comicios do vindeiro domingo e referiuse a alza que lle recoñecen as diversas sondaxes publicadas na xornada de hoxe por diversos medios de comunicación.

‘Un grande salto adiante’

A dirixente nacionalista asegurou que “imos dar un grande salto adiante porque levo meses percorrendo o país e cada vez vexo máis forza, máis persoas sumándose ao BNG,  tal é así que até  as enquisas o recoñecen, e imos superar outra vez todas as enquisas”.

A líder do BNG explicou que “saímos a gañar estas eleccións sen pornos límites e sabendo que a enquisa que vale é a do 28 de maio, polo tanto, hai que mobilizarse para empezar a construír unha Galiza en grande, concello a concello”.

Pontón concluíu afirmando que “encher as urnas de papeletas BNG é a mellor maneira de derrotar ao PP” e defendeu que “este é o momento de participar, de reivindicar a política con maiúsculas porque é a ferramenta que temos a xente do común para construír unha sociedade mellor”.

Comentarios