28-M

Unha cabra "convidada" a votar e outras anécdotas do 28M

A xornada electoral do 28 de maio na Galiza transcorre con "absoluta normalidade", só coa excepción de situacións "anecdóticas e habituais" deste tipo de procesos, tal e como apuntaba a propia Delegación do Goberno.

A cabra que entrou en dúas ocasións nun colexio electoral de Valga (Foto: @SaraSecoRial).
photo_camera A cabra que entrou en dúas ocasións nun colexio electoral de Valga (Foto: @SaraSecoRial).

Neste domingo no que máis de 2,2 millóns de galegas e galegos teñen dereito a votar, moitas son as anécdotas que marcan un domingo diferente.

Entre as que son habituais está o atraso na composición dalgunhas mesas electorais. Este foi o caso da situada no Colexio Emilia Pardo Bazán, no municipio da Coruña, que terá que ampliar o seu horario debido á falta de persoal e nela poderá votarse até 36 minutos despois das oito da tarde.

Nesta mesma cidade, dúas mesas no Palacio da Ópera sufriron atrasos pola ausencia dos membros das mesas. En Vigo, a situada no CEIP Pombal-Lavadores tamén se atrasou polo mesmo motivo. Na cidade de Ourense completouse unha das mesas electorais co primeiro votante da xornada.

En todos estes casos, a normativa electoral indica que a votación se estende en igual contía de tempo que o atraso que acumulou a constitución da mesa.

No extremo oposto está unha mesa do Colexio de Riomol, en Castroverde (comarca de Lugo), a primeira constituída foi a mesa do Colexio de Riomol, cando pasaban 1 minuto e 23 segundos das oito da mañá. Seguiulle tres segundos despois a mesa do Grupo Escolar de Codeseda, no concello da Estrada (Terra de Montes).

En Marín (O Morrazo), dúas interventoras do BNG que utilizan cadeira de rodas para desprazarse non podían acceder ao colexio electoral situado no IES Illa de Tambo por un chanzo que hai na entrada. Trouxéronlles unha rampla, mais non foron quen de acceder polo que, ao final, tiveron que axudar a transportar os seus vehículos para que puidesen exercer o seu labor.  

A anécdota máis orixinal no que vai de xornada de votación foi a visita inesperada que tiveron os membros do colexio electoral de Setecoros, en Valga (comarca de Caldas), onde se coou -até en dúas ocasións- unha cabra.

Comentarios