28-M

Ana Pontón chama á cidadanía a que exerza “o poder que lle dá o voto”

A líder do BNG acompañou a votar á aspirante do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e despois exerceu o seu dereito no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) na capital galega.

Ana Pontón votando en Santiago (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón votando en Santiago (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a primeira líder das formacións políticas presentes no Parlamento galego en acudir ás urnas este domingo.

Pola mañá acompañou a votar á aspirante do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, ás 10.30 horas na Facultade de Historia e, despois, ás 11 horas, exerceu o seu dereito no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

“Desde o BNG queremos facer un chamamento masivo nas urnas” por ser “evidente” que “o voto é o poder que ten a xente”, asegurou en declaracións aos medios de comunicación.

Pontón afirmou, ademais, que “este 28 de maio imos decidir que concellos, que vilas e que cidades queremos construír para o futuro”.

A líder nacionalista sinalou que a xente pode, co seu voto, “decidir que políticas quere para loitar contra o cambio climático, para que haxa concellos que poñan realmente no centro a vida das persoas, para defender a nosa lingua” e tamén “en definitiva, que políticas quere para construír concellos onde haxa máis futuro e máis oportunidades para as persoas”.

“É importante que este poder que ten a cidadanía o exerza nas urnas para votar con convencemento e que este sexa un gran día para a democracia”, considerou para rematar pedindo “que ningún voto quede na casa”.

Pontón asegurou que pasará o día “pendente de toda a xornada electoral” e logo, a partir das sete da tarde, estará reunida a Executiva do BNG para seguir as últimas horas da xornada, en todo caso “sempre con moita ilusión” pois “para as persoas que confiamos e cremos na política é un día importante e grande”.

Comentarios