Portavoz nacional do BNG

Ana Pontón: "Ter un poder forte nos concellos é garantía para que o nacionalismo avance"

Tras as entrevistas a Paula Prado (PP), Alberto Varela (PSOE) e Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos), conversamos na voráxine da derradeira semana de campaña con Ana Pontón (Sarria, 1977), que albisca un resultado moi bo do Bloque Nacionalista Galego. A portavoz nacional do BNG reivindica unha mudanza económica profunda para rematar coas consecuencias que deixaron os anos do PP na Xunta. Unha mudanza que "tomaría impulso desde os concellos, porque onde gobernamos, hai ilusión e esperanza de novos retos".
Ana Pontón, no edificio do Parlamento galego. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Ana Pontón, no edificio do Parlamento galego. (Foto: Xan Carballa)

—Contemplan estas eleccións como unhas primarias das estatais de fin de ano?
As claves dunhas eleccións municipais non teñen que ver nin cunhas estatais nin cunhas galegas. Podemos ver a fortaleza de fondo das organizacións, pero a cidadanía sabe o que elixe en cada momento.

—Pero o PSOE e, sobre todo, o PP formúlano así desde Madrid.
Eles queren lanzarse a unha longa precampaña, porque tamén coinciden autonómicas en moitos sitios. Pero en municipais a proximidade e o coñecemento directo de aspirantes aos concellos é moito maior. Hai claves ideolóxicas, como non, pero son moitos factores de inmediatez operando. Desde Madrid sempre pensan que todo debe pasar polo seu quilómetro cero, e nós temos que reivindicar outras dinámicas.

—Hai anos falábase, referíndose ao BNG, dos modelos Allariz ou Pontevedra, pero hoxe teñen gobernos en moitos outros lugares, Carballo venme á cabeza tamén entre as cidades de peso crecente. Pero, hai un modelo BNG para todos os concellos?
Evencio Ferreiro [alcalde de Carballo desde 2003] dicíao hai uns días, non o hai nin de Tomiño, nin de Ribadeo nin de Rianxo, o que hai é un modelo da política do BNG, que transformou todos os concellos nos que gobernamos. E aínda que requiriría unha análise máis fina, tamén son lugares onde somos quen de reverter dinámicas de perda de poboación. Comentábao coa alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, que nestes catro anos, despois dunha década en descenso, gañaron poboación. A xente cando ve dinamismo político, bos servizos e calidade de vida, quere vivir neses lugares. Por iso facemos a mellor política municipal do país.

—Facendo un balance destes meses de campaña, pode afirmarse que conseguiron facer xa unha transición xeracional en todos os niveis do BNG?
Agora mesmo hai unha nova xeración no temón, tanto no institucional como na organización. Tamén nas listas se pode comprobar a capacidade de integrar esa xente nova que consegue ser xa referencial para a sociedade e ser quen de atraer novos segmentos sociais ao proxecto nacionalista. Asentar unha organización e un poder local forte é garantía para que o nacionalismo avance.

—Pode o BNG ampliarse tamén pola orfandade deixada polas Mareas desde 2019?
Nós dicimos que os votos son das persoas e non das organizacións. En cada proceso deciden en quen confiar. Non nos debe preocupar como están outras forzas, senón que podemos ofrecer nós: solvencia, rigor, un modelo político de país e municipal propio que é capaz de mellorar a vida das persoas. Podemos rexenerar a política do país, tamén desde os concellos, e esa é a ambición coa que traballamos. Que aos demais lles vaia mal non implica nada para nós se non o facemos ben.

—Quen parece que abandonou neste período a acción política é a Xunta da Galiza.
Temos un Goberno galego case en rigor mortis, inútil para a maioría social, pero moi atento aos intereses, por exemplo, dos grandes poderes eléctricos, aí si que está áxil. Para arranxar a sanidade, reverter a crise demográfica, para mellorar o sistema educativo non, pero si para acelerar a depredación eólica. Aí si apertan o acelerador, até autorizando 75 parques, algo nunca visto nesa dimensión. Estamos no final do ciclo do PP, que non é capaz de ofrecer nada a Galiza e na campaña só ofreceu crispación, políticas de odio e enlamou os debates.

—Iso tamén afecta ao descrédito na sociedade da utilidade dun Goberno galego propio?
O que temos aquí é unha prolongación do gabinete electoral de Feixoo, carece de iniciativa propia e non ten proxectos. Só teñen unha clave electoral, pero o Goberno galego ten que estar para outras cousas. Esa usurpación polo PP das institucións vólvese en contra de Galiza, porque temos indicadores moi preocupantes: descenso do PIB, perda de emprego industrial, cifras demográficas aterrecedoras e non responden desde a Xunta a ningún dos problemas estruturais.

—Nas propostas municipais do BNG, destacaba a defensa e implementación dos servizos públicos. Ten isto que ver con municipalizacións dalgúns deles?
Nós cremos que o que se poida prestar con máis eficacia desde o público debe facerse, pero a defensa do público vai máis alá. É defender que o espazo público sexa un dereito cidadán e deixemos de ocupalo con vehículos privados e que sexa un lugar igualitario onde se poida participar e consigamos vilas e cidades con máis calidade de vida e máis dinamismo económico e social. Estamos xerando novos dereitos e ampliando a concepción do público. Temos o exemplo que puxemos en marcha en Pontevedra, a única cidade do Estado que xa cumpre cos requisitos de zonas de baixa emisión; pero levándoo adiante sen discriminación por recursos económicos, senón facilitando un uso mínimo de vehículos que reduce a contaminación, e contribúe ás estratexias contra o cambio climático.

—Citou o desordenado desenvolvemento eólico que segue transformando a paisaxe galega.
Máis alá dun valor emocional, a paisaxe tamén é un valor económico. Temos capacidade para un gran desenvolvemento forestal pero debe ser sustentábel, o que non podemos é teimar no monocultivo de eucalipto, que xa fixo un dano enorme. Temos que facer unha política forestal ordenada e planificada. Igualmente no campo da enerxía eólica. Hai que ir a unha transición enerxética xusta, democrática e equilibrada no territorio. O que non pode ser é que Madrid, a gran consumidora de enerxía no Estado, non se corresponsabilice en nada nesa transición e teñamos que pagar nós os custos ambientais e sociais. Por que en Madrid non hai eólica, por que non se comprometen, por que queren repetir un modelo colonial no noso país? O paradigma debe ser outro: corresponsabilicémonos todos os territorios con esa transición e vaimos a unha democracia enerxética e non estar ao servizo do lobby eléctrico.

—A outra marca intrínseca ao BNG é a galeguización que non ten que ver unicamente co uso da lingua propia?
Os concellos poden contribuír moito. Primeiro no uso normalizado do idioma. A nosa lingua precisa prestixio e esa é unha garantía que ofrece o BNG. Nos debates destas semanas xa vimos moitos candidatos utilizando o castelán, cando aquí había unha sorte de acordo tácito de usar o galego porque era unha forma de compromiso. Iso xa o romperon as forzas estatais, tanto o PP como o PSOE, e Ciudadanos e Vox por suposto, que aquí son residuais pero hai empeño en darlles presenza.

Os concellos tamén poden contribuír a que o galego estea presente en máis ámbitos, non só na vida cultural, tamén na económica. Pero o sistema educativo, ter unha TV pública en galego para un público infantil e xuvenil ou a galeguización da xustiza non dependen dos concellos. Nós, onde podemos, facemos que o galego sexa unha lingua presente socialmente e con prestixio.

—Unha concelleira do BNG na Pobra do Caramiñal reivindicaba recentemente o servizo de atención posto en marcha desde o concello.
Ese é un servizo sobre o que temos que debater en profundidade. É certo que debería prestalos a administración autonómica para que fosen homoxéneos, pero neste caso delegou nos concellos, o que dá pé a unha heteroxeneidade que quizais non sexa o mellor modo de prestalos. A obriga é atender a xente na súa casa pero é que a Xunta leva 14 anos sen construír unha residencia pública, deixouse ao mercado como se a xente maior fose un negocio máis. Hai que darlle a volta por completo.

—Cunha situación demográfica que empeora.
A demografía é un problema económico, non de que a xente non queira ter fillos. Non hai condicións para que a mocidade non teña que emigrar, traballe no país e poida exercer a maternidade ou a paternidade. Hai que recuperar a vitalidade económica e xerar condicións favorábeis á crianza. Iso son bos servizos públicos pero tamén emprego de calidade e ben pagado. Ademais, o mundo cambiou, e no camiño da igualdade a maternidade non pode ser unha penalización para as mulleres nas súas carreiras profesionais, É inxusto e non nolo podemos permitir como sociedade.
Desde que o goberna o PP máis de 200.000 persoas marcharon traballar fóra e iso son, ademais, 1.500 nenos e nenas que cada ano non nacen aquí. Temos as cifras máis baixas de nacementos desde que hai rexistros. Hai que xerar condicións para o retorno e promover un horizonte económico esperanzador. No BNG imos deixar a pel neste empeño.

—Albíscase para a mañá do 29 de maio a necesidade de acordos entre varias forzas para alcanzar maiorías. Teñen decisións sobre gobernabilidade en mente?
Esperemos os resultados, é a cidadanía quen decide sobre pactos co seu voto. Non son elección directas ás alcaldías, elíxese unha corporación. Nós sempre imos favorecer maiorías alternativas ao PP. Despois haberá que decidir caso a caso nos concellos. Segundo o que vote a xente hai moitas maneiras de lograr eses obxectivos.

—Confían en que se cumpran os inquéritos?
Non gastamos en inquéritos, porque non debe facerse política a golpe de estudos e si de olfacto e contacto directo. A nós subestimáronos nas eleccións galegas e agora o meu pálpito é que chegamos con moita forza e desbórdanos a xente. Este domingo o BNG vai ter un resultado excepcional.

Comentarios