28-M

Alfonso Rueda anima a votar para decidir "o goberno de 313 concellos durante catro anos"

O líder do PPdeG exerceu o dereito a voto en Pontevedra, acompañado da súa familia. 
Alfonso Rueda votando en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alfonso Rueda votando en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O presidente do PPdeG e titular da Xunta, Alfonso Rueda, votou na mañá deste domingo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acompañado da súa familia.

Rueda, animou á cidadanía galega a votar para decidir "o goberno de 313 concellos durante catro anos". Por iso, destacou como "fundamental" a participación, así como que sexa "unha xornada tranquila".

Ademais, sinalou que o día, cunha "boa climatoloxía", convida a acudir ás urnas. "Hai tempo para participar e para gozar do resto do domingo", sostivo.

Voto en familia

Segundo destacou, hoxe é un día "especial" para el, xa que por primeira vez as súas fillas puideron votar tras cumprir a maioría de idade.

"Hoxe para min era un día especial. As miñas fillas, que me acompañaron sempre, hoxe votaron por primeira vez. Dedicándome á política non deixa de ser unha satisfacción ver como as miñas fillas participan dun dereito cidadán", celebrou.

Da mesma maneira, agradeceu aos interventores de todos os partidos o seu labor e desexoulles "un bo traballo e que todo transcorra con normalidade".

Comentarios