28-M

Ana Pontón presenta o BNG como "a aposta segura de cambio" en Santiago

A portavoz nacional do Bloque, convencida de que haberá "cambio" na capital galega, afirma que o que falta por determinar é "se ese cambio pasa polo PP ou polo BNG".
Goretti Sanmartín e Ana Pontón defenderon esta quinta feira a candidatura do BNG na capital. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Goretti Sanmartín e Ana Pontón defenderon esta quinta feira a candidatura do BNG na capital. (Foto: Nós Diario)

A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, asegurou esta quinta feira que a "aposta segura de cambio real" para a capital galega nas próximas eleccións municipais do 28 de maio "é o BNG". Pontón acompañou a aspirante da súa formación á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, nun percorrido pola Alameda con motivo das festas da Ascensión, onde saudou os veciños e veciñas e participou nun xantar xunto a membros da candidatura local.

"Os composteláns e as compostelás teñen a ocasión de decidir este 28-M se Santiago abre unha páxina nova na historia cunha alcaldesa como Goretti Sanmartín ou volve un PP que xa significou un goberno letal para a cidade", indicou. Na súa intervención, mostrouse convencida de que hai unha maioría de veciños e veciñas que "queren cambio, facer historia da man do BNG, que queren que por primeira vez teñan unha alcaldesa que teña o empurre, a enerxía, o optimismo e as ideas que necesita Santiago para saír deste impasse".

"Porque o que si é certo é que o que se escoita na cidade é que vai haber cambio", dixo Pontón, que asegurou que o que se dilucida agora é "se ese cambio pasa polo PP ou polo BNG". "Son as dúas alternativas que hai", sostivo. A portavoz nacional do Bloque destacou que a súa formación representa unha alternativa de transformación en positivo, co aval do feito nas cidades, e fixo un chamamento a "todas as persoas que nas pasadas eleccións xa optaron polo Bloque como alternativa ao PP a que volvan facelo este 28 de maio.

Goretti Sanmartín, incidiu a portavoz nacional do BNG, "é unha aposta segura, unha garantía de que Santiago avance e porque é o revulsivo que necesita Compostela para saír desta situación de parálise, de falta de impulso e ilusión", explicou.

Pontón destacou que o ambiente de campaña é moi positivo e de simpatía cara á candidata da súa formación. "Estamos a ver que hai unha gran simpatía cara ao BNG e creo que é o momento de concentrar na candidata Goretti Sanmartín todo o voto inconformista, todas as persoas que queren cambio e que queren construír unha cidade mellor", concluíu.

Pola súa parte, Sanmartín fixo balance de campaña, cunha "gran receptividade" na rúa, "miles de visualizacións do videoclip de campaña" e animou a ir ao mitin da próxima terza feira e a votar ao BNG. "Porque Santiago necesita un cambio para que non gobernen os de sempre", afirmou.

Pontón e Sanmartín desexáronlle unhas boas Festas da Ascensión a todos os veciños e veciñas, posibelmente as máis sentidas e queridas polos composteláns de todos os barrios da capital galega.

Comentarios