A precariedade, en cifras: os salarios de 358.830 galegos e galegas son inferiores á contía do SMI

As rendas do traballo situáronse en mínimos históricos, avanzando un aumento nas desigualdades sociais, favorecidas pola temporalidade e a parcialidade. Neste punto, os datos da Axencia Tributaria indican que as retribucións de 358.830 persoas asalariadas son inferiores ao SMI. Aliás, a maioría das mulleres (54,7%) teñen contratos temporais e menos da metade indefinidos.

CIG Precariedade
photo_camera Francisco Sío, Paulo Carril e Nicolasa Monteiro presentando a campaña da CIG contra a precariedade laboral. (Foto: Nós Diario).

O salario mínimo interprofesional (SMI) situouse no ano 2022 en 14 pagas mensuais de 1.000 euros, porén, as retribucións de 33,6% das traballadoras e traballadores pertencentes ao Réxime Xeral da Seguridade Social foron inferiores a esa contía. A este respecto, os datos procedentes do módulo salarial da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) sinalan que en 2022, último ano con cifras, un total de 358.830 persoas asalariadas percibiron uns ingresos inferiores aos do SMI, sendo menores a 3.000 euros brutos ao ano no caso de 177.488 delas.

Os datos de 2022 non son ningunha excepción. Así, en 2021, 88.558 asalariadas e asalariados declararan uns ingresos por baixo do SMI, rexistrando 30.425 deles un salario inferior a 14.000 euros ao ano. Ao tempo, 46.681 persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social percibiron unhas rendas situadas entre 14.000 e 15.000 euros. Nesa anualidade, os ingresos da poboación situada na parte máis alta da táboa (máis de 10 veces o SMI) medraron o dobre que o dos restantes grupos.

A remuneración das persoas asalariadas é unha compoñente do Produto Interior Bruto (PIB) cando se analiza pola vía das rendas, que indica que parte do valor engadido bruto xerado por unha economía vai destinada a remunerar o factor traballo. Neste sentido, o Instituto Galego de Estatística (IGE) sinala para o primeiro trimestre de 2023, último período con datos, que as rendas do traballo supuxeron o 42,7% do PIB e as rendas de capital o 48,6% do PIB.

A caída das rendas do traballo

A caída das rendas do traballo é un bo termómetro da perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas. Neste sentido, as rendas do capital incrementáronse en 4,2 puntos entre o primeiro trimestre de 2021 e 2023, mentres as do traballo caeron en 3,8 puntos, situándose por baixo da media estatal e europea. Ao tempo, as rendas do capital marcaron máximos históricos na Galiza no primeiro trimestre de 2023, cunha diferenza de 10 puntos con 2009, ano da chegada ao Goberno galego de Alberto Núñez Feixoo.

A fenda entre as rendas do traballo e do capital son o principal indicador das desigualdades sociais. A este respecto , o economista francés Tomas Pikkety, apunta que “o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda”. Nesta liña, explícase que, segundo a AEAT, en 2022, unha persoa do grupo de maiores ingresos (máis de 10 veces o SMI) percibe o equivalente a 100 persoas do grupo de menores ingresos (menos da metade do SMI).

Unha maior parcialidade

Ademais, a parcialidade continúa a ser moi elevada no mercado laboral galego. Mentres que en 2021 os contratos indefinidos a tempo parcial e os fixos descontinuos sumaban 97.536 e representaban o 19,8% do total, en 2023 ascendían a 147.082 e significaban o 23,9% dos formalizados. A primeira modalidade contractual medrou nese período un 37,5% e a segunda un 125,1%. Pola contra, os contratos a xornada completa só creceron un 4,7%. Neste contexto, os custos dos despedimentos abaratáronse para os empresarios, caendo entre 2021 e 2023 o custo da indemnización media nun 34,9%.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou onte esta situación no marco dunha rolda de prensa na que participaron o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, a secretaria de Muller, Nicolasa Castro, e o secretario de Negociación Colectiva, Francisco Sío. Ao tempo, a central sindical deu a coñecer un informe onde se analiza moi criticamente as políticas económicas dos Gobernos galego e estatal, así como a reforma laboral aprobada en 2021 e anunciou a posta en marcha dunha campaña contra a precariedade laboral, que arrancará o 1 de febreiro cunha asemblea de delegadas e delegados e unha manifestación nacional polas rúas de Compostela.

"Pobreza laboral"

Paulo Carril sinalou que as propostas económicas do Goberno galego, e estatal así como a reforma laboral aprobada en 2021, supuxeron "unha clase traballadora empobrecida, xa que se instaura por lei a inestabilidade e inseguridade laboral e se institucionaliza a pobreza laboral". Neste punto, asegurou que "ter traballo xa non permite os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda" e puxo como exemplo "a mocidade e as mulleres, convertidas en man de obra barata". Ao tempo, reclamou “un Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra”.

O máximo responsábel da CIG criticou que as “políticas laborais neoliberais que executa o Goberno de Madrid están acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza na Galiza, con importantes sectores produtivos agonizando e que son o complemento perfecto para favorecer as nefastas políticas que o PP fai na Galiza”. Nesta liña, afirmou que o “Goberno de Rueda, como o anterior de Feixoo, comparte estas políticas, así como aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negando un desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares, o imparábel avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración”.


Os contratos de 54,7% das mulleres galegas continúan sendo temporais

A contratación temporal é maioritaria para as mulleres.
A contratación temporal é maioritaria para as mulleres. (Gráfico: Nós Diario)

As mulleres levan a peor parte no mercado laboral. Os datos achegados na xornada de onte pola Confederación Intersindical Galega sitúanas á cabeza da parcialidade e da temporalidade. Tanto e así que en 2023 só o 45,3% das mulleres contaban con contrato indefinido. No caso dos homes, esta modalidade contractual nesa mesma anualidade representaba o 70,6%, incrementándose a fenda de xénero nesta variábel desde 2021, ano da aprobación da reforma laboral polo Goberno do Estado, en catro puntos.

A secretaria de Muller da CIG, Nicolasa Castro, sinalou que “a precariedade ten cara de muller”. A este respecto, asegurou que “a fenda salarial de xénero incrementouse en relación a 2021” e indicou que en 2022 “as mulleres ingresaron de media 4.519 euros anuais menos que os homes”. Así, avanzou que “desta fenda, 8,1 puntos débense ao menor salario que temos as mulleres, xa que ocupamos os tramos de menores ingresos e 10,6 puntos débense á precariedade que sufrimos pola vía da maior parcialidade e da maior temporalidade”.

Castro lembrou que “a maior precariedade dáse nos sectores cunha alta presenza feminina, como a sanidade pública, onde a contratación temporal é moi elevada, mesmo con contratos de días e horas”. Na mesma dirección, asegurou que “a situación é aínda peor na sanidade privada, con traballadoras con ingresos por baixo do salario mínimo”.

Comentarios