A CIG alerta de que a reforma das prestacións por desemprego "incide na precarización"

A CIG propón recuperar o papel dos servizos públicos de emprego, transferir todas as competencias á Galiza, mellorar o investimento público nestes servizos e eliminar as Empresas de Traballo Temporal.
Francisco González Sío e Paulo Carril esta segunda feira en Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Francisco González Sío e Paulo Carril esta segunda feira en Vigo (Foto: Europa Press).

A Confederación Intersidincal Galega (CIG) alertou esta segunda feira contra unha reforma das prestacións por desemprego que incida na precarización e advertiu de que é "o momento" de acometer reformas legais que permitan "restituír dereitos" da clase traballadora, á vez que volveu a exixir un incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) acorde cos datos precisos e que debería alcanzar os 1.253 euros mensuais.

Así o trasladou o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, nunha rolda de prensa en Vigo, na cal estivo acompañado polo responsábel de Negociación Colectiva, Francisco González Sío.

Carril trasladou a "preocupación" da CIG por dúas cuestións que, ao seu xuízo, aínda "non están en vías de solución": por unha parte a aprobación dun novo SMI, por baixo do que o Estado debería alcanzar; e por outro, o anuncio "dentro dunha pantomima" dunha reforma das prestacións por desemprego.

Con respecto á primeira cuestión, González Sío lembrou que, se o Estado quere cumprir a Carta Social Europea, o Salario Mínimo Interprofesional debe ser de 1.253 euros mensuais en 14 pagas, segundo os métodos de cálculo do Comité Europeo de Dereitos sociais e segundo os módulos salariais que publica a propia Axencia Tributaria.

En canto ás prestacións por desemprego e subsidios, Carril advertiu de que as exixencias de cumprimento das condicións impostas pola UE, unida á "negociación sinistra" entre Ministerios do propio Goberno español, poden desembocar en "novos recortes para a clase traballadora e os desempregados".

Respecto diso, denunciou, entre outras cousas, un proceso de "privatización" dos servizos de emprego e mediación, para beneficiar as Empresas de Traballo Temporal (ETT) e axencias de colocación, un aumento da precariedade para colectivos como os fixos descontinuos, ou un "abuso" dos ERTE por parte das empresas, que "descargan" nas administracións públicas o peso de dar cobertura a eses traballadores.

Todo iso levou, segundo o secretario xeral da CIG, á posta en marcha dun sistema de subsidios baseados "na beneficencia", en lugar de ser unha plataforma que outorgue dereitos, inserción e acompañamento aos traballadores.

Segundo lembrou, a CIG reclamou en novembro ao Goberno do Estado a convocatoria urxente da Comisión Executiva do SEPE para abordar a reforma das prestacións, e a semana pasada reiterou a súa petición dunha reunión.

Medidas propostas pola CIG

Neste escenario, o sindicato nacionalista expuxo un decálogo de medidas para restituír dereitos e fortalecer a regulación "fronte ás novas formas de explotación".

Así, a CIG propón recuperar o papel dos servizos públicos de emprego, transferir todas as competencias á Galiza, mellorar o investimento público nestes servizos e eliminar as ETT. Tamén propoñen derrogar o IPREM, para que o SMI sexa o "auténtico indicador" á hora de conceder subsidios e axudas.

Por outra parte, piden mellorar as prestacións contributivas por desemprego e mellorar as contías en caso de subsidio; garantir as prestacións aos fixos descontinuos que, normalmente, non cumpren os ciclos de tempo necesarios para acceder a esas prestacións; ou implementar unha Renda Social de Inserción que substitúa o Ingreso Mínimo Vital e á Renda Activa de Inserción, para maiores de 18 anos que non cobren outra prestación económica, e que inclúa unha itinerario persoal de orientación e formación.

Finalmente, a CIG reclama que se aproben novas táboas de cotización no concepto de desemprego, para que as empresas paguen máis e se penalice ''a contratación a tempo parcial e a fixa descontinua. Ademais, expón que as empresas que apliquen un ERTE de 12 ou máis meses paguen 6 % neste concepto durante a vixencia do expediente de regulación.

Comentarios